A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo adxudicou este mércores o proxecto de renovación integral da pasarela do Carril das Flores, segundo informou o portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, quen tamén anunciou a contratación das carrozas para a Cabalgata de Reyes 2026 e a renovación do contrato de subministración de gas natural
A aprobación do proxecto de renovación da pasarela do Carril das Flores, situada nas inmediacións da Rolda da Muralla é un dos proxectos de importancia desta lexislatura. A actuación forma parte do plan integral de mellora desta vía impulsado pola Tenencia de Alcaldía e contempla un cambio radical da zona, que ese atopa fronte á Muralla e en pleno Camiño de Santiago.
A nova estrutura será metálica e lixeira, apoiada sobre alicerces e vigas con cimentación soterrada, o que permitirá manter visible o muro orixinal e ampliar en polo menos 1,2 metros o ancho da parte inferior. Segundo explicou Arroxo, o deseño busca unha integración estética que dea continuidade á zona da Mosqueira e a Praza do Camiño Primitivo, ofrecendo unha imaxe uniforme ao longo do carril.
Na parte superior manterase o pavimento de plaqueta, mentres que a calzada será de formigón, cunha zona peonil de granito, xardineiras de aceiro Corten e novos bancos. No nivel inferior instalarase un falso teito de cor clara, pensado para achegar luminosidade e mellorar a estética da contorna.
A obra conta cun orzamento de 339.245,44 euros e un prazo de execución de sete meses. A empresa adxudicataria será Construcións Sanle, e prevese que a primeira fase estea finalizada antes do verán de 2026, coincidindo co aumento de peregrinos que percorren o Camiño Primitivo. Arroxo lembrou ademais que continúa o traballo de mellora na esquina do Carril das Flores con Montero Ríos.
CABALGATA DE REYES
A Xunta de Goberno aprobou tamén o inicio do procedemento de contratación para o aluguer de catro carrozas destinadas á Cabalgata de Reyes de 2026, cun orzamento de 63.313,25 euros. O contrato inclúe o deseño, decoración e equipamento das carrozas para garantir o seu correcto funcionamento durante o evento.
As carrozas desfilarán o 5 de xaneiro de 2026, previsiblemente ás 18:00 horas, nun dos actos “máis multitudinarios e esperados pola cidadanía de Lugo”. Durante o percorrido repartiranse máis de 4.000 quilos de caramelos. Tres das carrozas estarán dedicadas aos Reis Meigos e unha máis a paxes e agasallos, cunha temática inspirada en animais fantásticos e os seus mundos, tanto reais como imaxinarios, terrestres, mariños e aéreos.
Por último, o goberno local aprobou a renovación do contrato de subministración de gas natural do Concello, que complementa o acordo xa vixente para a subministración eléctrica a través da Central de Contratación da FEMP.
O Concello adheriuse a este sistema o 18 de maio de 2023, co obxectivo de lograr mellores condicións económicas e estabilidade nos prezos. Nesta ocasión, o lote de gas natural foi adxudicado a Gas Natural Comercializadora, tras recibir propostas desta empresa e de Endesa Enerxía.
NOVO NORTE
A portavoz do PSOE, Ana González Abelleira, anunciou a aprobación da achega de fondos FEDER ao Plan Novo Norte, que supón unha contía de 8,7 millóns de euros, aos que se sumarán 5,8 millóns achegados polo Concello, o que suporá un investimento total de 14 millóns de euros para o desenvolvemento e revitalización desta zona da cidade.
Abelleira informou tamén de varias actuacións aprobadas no ámbito de persoal municipal, entre elas a modificación do tribunal para a praza de enxeñeiro de Camiños, motivada pola renuncia dun dos seus vogais.
Ademais, a xunta de goberno deu luz verde á creación de sete novas prazas de funcionarios de carreira na Policía Local e ao reingreso dun axente que se atopaba en excedencia e traballaba noutro concello. Tamén se aprobaron melloras nas condicións económicas do persoal do parque de bombeiros.
No apartado de contratación, aprobouse o programa Axil, destinado á rehabilitación e reposición de espazos verdes municipais, adxudicado á empresa Coregal por un período dun ano e cun orzamento de 185.480 euros.
O obxectivo é axilizar os labores de mantemento en prazas e espazos públicos que requiran pequenas obras. Ademais, renováronse os contratos de seguros municipais, tanto o da empresa mediadora como o seguro de responsabilidade civil e patrimonial que o Concello mantén con Zúric.
En urbanismo, aprobouse o proxecto de abastecemento de auga para tres núcleos rurais de Conturiz, atendendo a unha demanda veciñal. O proxecto está valorado en 145.155 euros, dos cales o Concello achega 40.602 euros e o resto a Deputación de Lugo, a través do Plan Único.
No ámbito cultural, ratificouse unha adenda ao convenio de colaboración do Arde Lucus, que actualiza o orzamento das actividades subvencionadas a 69.635 euros, incluíndo unha achega de 25.000 euros da Axencia de Turismo de Galicia. Tamén se aprobou a achega de 10.000 euros da empresa Máis Debate para a organización do torneo Lugo Debate, na área de Xuventude.
En materia deportiva, o Concello regularizou a axuda ao CD Lugo, por un importe de 150.000 euros, con cargo ao orzamento xeral, destinada a sufragar gastos de promoción da cidade e de actividade deportiva do club.
Doutra banda, incorporáronse 1,5 millóns de euros de remanentes municipais para financiar distintas actuacións, entre elas a implantación de sistemas de control no centro histórico, o desenvolvemento dun novo sistema informático de xestión de recursos humanos, os actos conmemorativos do aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, reparacións e mantemento de edificios municipais, melloras en instalacións públicas e a organización do San Froilán 2025.