InicioEconomíaOs (outros) esquecidos no debate sobre os orzamentos estatais en Lugo

Os (outros) esquecidos no debate sobre os orzamentos estatais en Lugo

Organismos estatais coma o Cetal esmorecen mentres as infraestruturas e as prestacións centran o debate orzamentario na provincia

PUBLICADA O

- Advertisement -

De entre as provincias galegas, Lugo recibiría o menor investimento estatal en caso de aprobarse o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado. Serían 18,86 millóns de euros das empresas públicas e fundacións (investimento real), e 52,36 millóns do sector administrativo con orzamento limitativo. Ata o de agora, o debate político centrouse no recorte no gasto en infraestruturas e, como contrapartida, o incremento nos servizos do día a día, coma dependencia ou pensións.

Ourense, pola contra, é a gran beneficiada das contas. O administrador ferroviario Adif concentra, por mor das obras da Alta Velocidade, a meirande parte dos case 270 millóns de investimento directo nesta provincia. Indirectamente, esta contía beneficiará a Lugo a través da redución nos tempos de viaxe a Madrid, mais a diferenza é tan grande que deixa sen completar os grandes apartados do ferrocarril e as estradas lucenses.

Esta óptica simplificada permite trasladar o discurso político en termos tanxibles, deixando para outro momento o orzamento relativo ás competencias transferidas (e que nutren á Xunta de Galicia) ou aos organismos públicos dependentes do Estado. Fóra completamente do debate e a campaña permanente na que están instalados os partidos, nestas contías apenas houbo cambios salientables.

Obras da alta velocidade a Galicia | Adif
Obras da alta velocidade a Galicia | Adif

Mais a provincia de Lugo non vive só dos quilómetros asfaltados ou das prestacións que outorga a Seguridade Social. O sistema produtivo depende doutros elementos vencellados ao correcto funcionamento das corporacións estatais, aquelas que dependen da estrutura ministerial pero que operan de xeito autónomo para preservar o medio natural, garantir a operabilidade dos portos ou apoiar a investigación aplicada. 

En Lugo, estes entes toman o nome da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ou o Centro Tecnolóxico Agroalimentario (Cetal). Sobre a necesidade de financiar, ampliar e diversificar estes centros non existiu debate, algo que é incomprensible na provincia galega de maior extensión, con máis superficie protexida e máis dependente do sector primario.

Un caso paradigmático é o do Cetal, dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Este complexo sito en Lugo vertebra o coñecemento sobre o sector lácteo e do aceite, a calidade alimentaria e a Investigación e Desenvolvemento no eido agroalimentario. Anunciado por José Blanco na campaña das xerais de 2004, foi constituído en 2007 e tivo que agardar ata 2013 para a inauguración.

Lonxe da idea inicial de soportar 15.000 empregos directos e indirectos, o Cetal é malia todo o único organismo desta clase especializado no sector lácteo, e conta cun laboratorio de seguridade alimentaria punteiro. Mais unicamente vive dos recursos que xenera, arredor dun millón e medio de euros, sen percibir investimentos dende os Orzamentos Xerais do Estado.

O proxecto de orzamentos do Goberno non deixa de ser máis ca iso, un proxecto. Mais o debate previo vai alén do tacticismo político, permitindo discutir de cara á opinión pública as prioridades do país e revisar como se empregan os recursos públicos. Pode ser que estes orzamentos rematen nun esforzo estéril do executivo central; mais hai grandes probabilidades de que prospere, e de que continúe así o esquecemento dos organismos públicos.

+ posts

ÚLTIMAS

O PPdeG acusa o Goberno central de atrasar infraestruturas viarias na provincia de Lugo

O PPdeG denunciou este sábado atrasos e falta de avances nas infraestruturas viarias estatais...

A Audiencia de Lugo xulga un home acusado de agredir sexualmente unha muller que non podía prestar consentimento

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá o vindeiro luns e martes o xuízo contra...

O San Froilán programa 346 actividades e pechará cun espectáculo de 500 drones e a Orquestra Panorama

O San Froilán 2026 contará con 346 actividades entre o 4 e o 12...

O PP denuncia que o Goberno “non ten data” para abrir a nova estación intermodal de Lugo

Os senadores do PP de Lugo advertiron de que o Goberno de España “non...