
O Consello de Alcaldes do Partido Socialista ten tres demandas urxentes no que respecta á política local. A primeira, máis investimentos para máis competencias; a segunda, a execución plena e equitativa dos fondos reservados para os Concellos na administración autonómica; e a terceira, impedir que o recadado polo canon da auga remate noutras partidas. Así o trasladaron ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que preside o tamén socialista Alfredo García.
Con esta xuntanza, os rexedores lucenses adscritos a esta formación tentan que a Fegamp interceda perante a Xunta de Galicia, á que acusan de repartir arbitrariamente os cartos adicados aos concellos. Durante o 2018, o fondo para a administración local contou cun total de 353 millóns de euros, dos cales dous terzos foron a parar a convenios directos, sen criterios que avalasen o destino final.
Os socialistas aseguran que este peto común, creado para aliviar as desigualdades territoriais e financiar proxectos a gran escala, beneficia de máis aos municipios gobernados polo Partido Popular, a forza que controla a Xunta de Galicia. En resposta, instan a aumentar a porcentaxe de cartos distribuídos de xeito obxectivo, e que a execución sexa do cen por cento.
O Canon da Auga, paradigmático
Vencellada a esta cuestión, trasladaron ao responsable da Fegamp a necesidade dun plan estratéxico de infraestruturas hidráulicas, para o correcto aproveitamento do Canon da Auga instaurado polo goberno galego.
Na actualidade, o gravamen non cumpre coas funcións estipuladas, a saber, as actuacións en abastecemento, saneamento e xestión dos ríos, debido a que parte da recadación vai a remanentes e remata noutras cuestións alleas ao canon. Dos 13 proxectos licitados en base a esta taxa, doce beneficiaron a concellos gobernados polo Partido Popular, para un total de 4,8 millóns de euros dende 2015.
Máis fondos para asumir as competencias delegadas
Así as cousas, a reunión incluíu a falta de recursos económicos para soster os servizos ofrecidos polos municipios. Os socialistas denuncian que a delegación de competencias que realiza a Xunta carece do correspondente financiamento, como obriga a Lei de Bases de Réxime Local. Para solventar este punto, o Consello comprometeuse a identificar e cuantificar o custe das competencias traspasadas para que a administración autonómica achegue as contías precisas.
Os socialistas amosan con cifras a desidia da Xunta na provincia de Lugo