A CIG convocou ao sector do comercio de alimentación da provincia de Lugo a unha xornada de folga para o vindeiro venres 23 de xuño co obxectivo de reclamar “un convenio digno”. Segundo indicou o sindicato, a decisión deuse en resposta ás “insuficientes propostas trasladadas polas patronais” que supoñen “condenar aos traballadores e ter o peor convenio do sector no país”.
Así, explicou que, aínda que a patronal –Gadis e Froiz– alegou que os incrementos salariais que ofrece son maiores que os doutras provincias, considéranos insuficientes.
“Continúan sendo insuficientes porque partimos dunha situación moi inferior. Coa proposta empresarial, as táboas de todas as categorías profesionais por baixo do grupo tres continuarían no límite do Soldo Mínimo Interprofesional”, advertiu o secretario comarcal da CIG-Servizos, Xoán Díaz.
Nesta liña, lembrou que na última reunión da mesa, a patronal propuxo un incremento do 5% para o ano 2022, cunha paga única en concepto de atrasos de 780 euros –“231 euros menos dos que correspondería””–, unha subida do 4% para 2023, do 3,5% para 2024 e do 3,25% para o 2025.
Así, indicou que a patronal “se nega a incluír” unha cláusula de revisión que opere ano a ano con referencia no IPC real e que “o único que propoñen” é unha revisión a final do convenio, pero “sen efecto retroactivo e sen dar lugar ao cobro de atrasos”.
“Para nós esta oferta resulta insuficiente porque non permite recuperar nin garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, nun sector ademais que desde o inicio da pandemia e no actual contexto de prezos disparados obtén beneficios históricos“, remarcou Díaz.
“IMOS LOITAR POR UN CONVENIO DIGNO”
Nesta liña, Díaz criticou que nesta negociación a patronal “non é nin xusta nin xenerosa” cos traballadores, que foron os que, co seu esforzo, “permitiron que as compañías de distribución lograsen esas millonarias ganancias”.
Ante isto, avanzou que “van loitar por un convenio digno”. Continúan coa reclamación de incrementos salariais do 6,5% para 2022 e do 5,7% para 2023 para “poder reverter o empobrecimiento dos últimos dous anos”; así como unha cláusula de revisión salarial ao IPC real e con carácter retroactivo para “garantir que non haxa perda do poder adquisitivo no futuro. Ademais, demandan o cobro do complemento de Incapacidade Temporal ata o 100% da base de cotización.
“Moitas destas melloras foron asumidas pola patronal e aplícanse no convenio sectorial da Coruña, polo que as traballadoras da provincia de Lugo non van pasar por menos”, recalcou Díaz. Ademais, aclarou que a CIG convidou ao resto das organizacións sindicais con presenza na mesa a que se somen e acompáñenos nesta convocatoria, que foi un mandato saído das asembleas de persoal.