Veciños de Lugo manifestaranse a mediados de decembro por un “tren digno”

Reclamarán servizos que "quitaron" e "reduciron", como os servizos a Barcelona e Madrid, e a mellora da liña á Coruña

Imaxe dun tren Alvia | Europa Press

A plataforma ‘Lugo… Non perdas o tren’, integrante da Federación de Asociacións de Veciños da provincia, convocará unha manifestación para medidados do próximo mes de decembro reivindicando un “tren digno”.

O presidente do movemento veciñal, Jesús Vázquez, concretou que a protesta se prevé “para o próximo mes de decembro”, á vez que lembra que a plataforma agrupa á Confederación de Empresarios de Lugo, organizacións sociais e colexios profesionais, entre outros.

A concentración realizarase na praza da estación e dará continuidade “ao primeiro Día da Maleta” que se celebraba en 2016, onde as reclamacións ían incrustadas en maletas ou bolsos de viaxe. “Trátase de acudir á manifestación, se é posible con maletas, con bolsas de equipaxe e nesas irán mensaxes relacionadas co tema ferroviario”, subliñou.

Jesús Vázquez debullou que o que reivindican é a “conexión co País Vasco, o tren hotel con Barcelona que quitaron, as conexións a Madrid que reduciron, as variantes que piden que se executen, ou a mellora da liña Lugo-A Coruña”. “As maletas levarán mensaxes reivindicativas, nunha xornada na que imos emprazar a todos os partidos políticos para que se comprometan co tren en Lugo”, precisou.

A falta de concretar cos partidos políticos, desde o movemento veciñal de Lugo xa se dá como data probable “un sábado pola mañá”, na segunda quincena do mes de decembro. “Se non hai viaxeiros en Lugo, é porque non hai servizos“, insistiu, á vez que denunciou que a estación de ferrocarril da cidade é “un páramo, sen actividade económica porque non hai trens”.