InicioPolíticaO exalcalde de Muras declárase inocente dun delito de prevaricación polo que...

O exalcalde de Muras declárase inocente dun delito de prevaricación polo que o xulga a Audiencia de Lugo

Algnam Azzam non dubida que detrás desta denuncia hai "motivacións políticas, ao douscentos por cento".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O exalcalde de Muras, o popular Isaam Algnam Azzam, proclamouse este martes “inocente” dun suposto delito de prevaricación polo que se lle xulgaba na sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo, e polo que a fiscalía pide para el 15 anos de inhabilitación.

Segundo o escrito da acusación pública, o exalcalde subscribiu decenas de contratos laborais temporais entre 2012 e 2015, sen seguir os procedementos regulados para seleccionar ao persoal. Todo isto fíxoo “con pleno coñecemento e vontade de que actuaba á marxe do ordenamento xurídico e de que ocasionaba un resultado materialmente inxusto co seu comportamento”.

Antes de entrar en sala, Isaam Algnam Azzam dixo ir “tranquilísimo” e reiterou que é “inocente”, argumentando que servira a “Muras durante 26 anos como médico e 24 como alcalde”. “E creo que todo o mundo me está agradecido menos un personaxe que non sei porque odia tanto aos demais e me persegue denunciándome todos os días”, en clara alusión ao actual alcalde.

Seguidamente, cargou contra o BNG, o partido do actual alcalde, do que dixo que “cren que Galicia é só para os galegos e non pode vivir ninguén máis que os galegos, e a historia e as circunstancias desfixeron o pensamento destes soldados do señor”.

En canto ao escrito da acusación fiscal, á marxe do BNG, soltou que “non” sabe o que fixo. “Eu non fixen nada e vouno demostrar no xuízo“, negando, a continuación, cometer “ningunha irregularidade”.

Algnam Azzam non dubida que detrás desta denuncia hai “motivacións políticas, ao douscentos por cento”. “Ademais, que estean tranquilos, que eu non me volvo presentar máis. Non volvo á política nin aínda que me maten”, sentenciou, finalmente.

O exrexedor de Muras xa foi condenado por inxurias cara ao seu sucesor, Manuel Requeijo, en 2016, e foi xulgado en 2021 por prevaricación, nesa ocasión por asinar resolucións en materia urbanística que beneficiaban á súa muller, aínda que finalmente foi absolto pola Audiencia Provincial de Lugo.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...