O plan integral da Residencia é a máis ambiciosa das alternativas plantexadas para o vello Hospital Xeral de Lugo. O acordo subscrito en 2017 entre a Xunta de Galicia e a Seguridade Social, propietaria do inmoble, recolle e irmanda as propostas verquidas dende a clausura do centro, a comezos de 2011. Se foi posible o compromiso, foi por mor da presión das organizacións veciñais e o importante retroceso do Partido Popular nos comicios de 2015, nos que perdeu sete mil votos e tres concelleiros. Compensar a demora levaba, en teoría, a concentrar o desembolso.
Consciente da importancia de xestionar os tempos, o executivo que preside Alberto Núñez Feijóo fragmentou os trámites do plan integral para que as obras do complexo impactaran nos ciclos electorais de 2019 (municipais) e 2020 (autonómicas). O barrio da Residencia pagaría a falta de previsión da Xunta, quedando orfo durante case unha década, para que o investimento chegase no intre oportuno. En primeiro lugar iría o emblema do novo modelo de xestión sanitaria, o centro integral de saúde, e progresivamente o resto de dotacións: a oficina de emprego, a residencia da terceira idade, o centro de emprendemento aeronáutico, a planta de biomasa e a comisaría.
A prioridade do centro de saúde é lóxica, pola saturación das urxencias en Lugo, e debido a que o uso sanitario é o único contemplado para estes edificios no Real Decreto de 1990. Para acadar outras funcións na Residencia, era precisa a retrocesión dos edificios, que a Xunta completou por partes e fóra de prazo; o 31 de maio, mentres o Congreso dos Deputados debatía a moción de censura, o Consello deixou sen efecto estes trámites nun acordo opaco.
A invalidación foi coñecida o xoves 13 de setembro, logo dun inquérito da nova subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez. Ás poucas horas de trascender, Feijóo dixo que se trataba “dunha confusión” e que estaban agardando pola licenza para o centro integral de saúde. Pouco despois, o delegado territorial José Manuel Balseiro explicaba que a anulación fora petición do Goberno saínte, e que nada cambiara no proxecto. Porén, a estratexia comunicativa da Xunta durante os sete días que seguiron reflictiu todo o contrario.
O venres 14, silencio en San Caetano. O gabinete autonómico considera que as explicacións son abondo, a pesar de que ese mesmo día presentábase en sociedade o alcaldable do Partido Popular para Lugo, Ramón Carballo. Canda el estivo Feijóo, que circunscribiu o discurso ás cualidades do candidato. Malia este esforzo por evitar o asunto, a polémica pola Residencia marcaba o primeiro acto oficial de Carballo, un pésimo precedente. Entón xéstase a nova estratexia de crise.
Con renovado pulo, o luns 17 a Xunta anuncia a sinatura do convenio para o centro integral de saúde, reafirmándose no cumprimento íntegro do proxecto. O martes 18, Feijóo regresa a Lugo para inaugurar a escola infantil de Garabolos, ocupando o lugar que correspondería ao exconselleiro de Política Social –departamento do que depende a rede de gardarías–, José Manuel Rey Varela. Nesa ocasión, derivou a responsabilidade das cuestións técnicas e adiantou que a Xunta pediría as licenzas do centro de emprego “nas vindeiras semanas” e da residencia “antes de finalizar o ano”.
O mércores 19, a máxima autoridade autonómica volveu á provincia, desta vez a Foz, para asinar a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. O retroceso no plan da Residencia seguía sen aclararse cando ao día seguinte Carballo celebraba o primeiro acto de campaña en Lugo. O golpe de efecto chegaría o venres 21, cun novo anuncio.
Ao tempo que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, asinaba o acordo rector para o proxecto do centro integral de saúde, a Xunta notificaba que a aceleradora do sector aeronáutico estaría operativa na cidade de Lugo en novembro. Será provisionalmente no Pazo de Feiras e Congresos ata a construcción do centro de emprendemento, para o que o executivo reservará 3 millóns de euros nos Orzamentos de 2019.
Así as cousas, habería que agardar ata o 26 para que a Xunta dera explicacións pola anulación dos trámites da Residencia. Compareceu no Parlamento o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, para expoñer que a invalidación das retrocesións fíxose co gallo de axilizar os trámites, reducindo os expedientes de sete a dous. Case catro meses pasaran dende o acordo oculto, e trece días dende que o tema era de dominio público.
O conflicto aberto polo complexo da Residencia chegou xusto cando Feijóo tiña que arrostrar a reforma do gabinete. A crise de goberno era imprescindible para permitir que Beatriz Mato sexa candidata na Coruña, e Rey Varela en Ferrol. A comunicación de crise obrigou a apurar as novas dotacións previstas para Lugo, cidade na que a aposta do Partido Popular é máis ben pobre, por diversos motivos.
En primeiro lugar, o candidato Carballo non é conselleiro, polo que careceu da plataforma ideal para potenciar a súa imaxe pública. Logo están os problemas no seo da formación: hai escasa sintonía entre o propio Carballo, presidente da agrupación local, e a homóloga da provincial, Elena Candia. E por último, hai insatisfacción co traballo do voceiro Antonio Ameijide na corporación, onde o Partido Socialista ten particular febleza.
A dirección do Partido Popular hai tempo que descartou recuperar a cidade e considera excesivamente custosos os compromisos acadados. Mais, descuberto o ardid do plan integral, Feijóo tivo que incrementar a súa presencia en Lugo e adiantar valiosos anuncios, incluíndo o da aceleradora de empresas aeronáuticas, operativo en novembro co soporte de 4,75 millóns de euros ata 2021. Un alto custe político para trece días.