O Concello de Lugo, na xunta de goberno do mércores, dará o visto e prace á documentación coa que se emenda as apreciacións da Xunta para o desenvolvemento do 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) pendente de desenvolver, en suspenso desde hai unha década.
En 2011, a Xunta esixía unha serie de modificacións que agora van recollidas no informe que se traslade ao Goberno galego. Así, apróbase na reunión semanal do goberno local do mércores e irá a pleno extraordinario o 17 de xuño para a súa aprobación.
“É un documento revisado da PXOM coa subsanación das apreciacións sinaladas pola Xunta á totalidade do ámbito territorial que non foi obxecto de aprobación no ano 2012”, aclarou a alcaldesa, Lara Méndez.
Así, Méndez cualificou a aprobación de “fito” para a “cidade e para o crecemento “sustentable” do municipio lucense, que permitirá o desenvolvemento deste chan que arrastraba unha década de incertezas administrativas, freando o aproveitamento do territorio de forma moi significativa no ámbito rural, pero tamén coartando a expansión industrial da cidade”.
ASENTAR POBOACIÓN NO RURAL
A alcaldesa de Lugo detallou que “de 54 parroquias no rural, 21 permanecían pendentes desta aprobación”. En chan rural permitirase “o desenvolvemento de 915.000 metros cadrados de chan urbanizable delimitado, o que permitirá asentar poboación” e terminar coa incerteza en 70 núcleos rurais.
Ademais, Lara Méndez concretou que se contemplan “outros 985.000 metros cadrados de chan urbanizable delimitado periurbano, cunha capacidade de uso residencial para 7.750 vivendas das cales o 35 por cento serán públicas”.
“Tamén posibilitará a transformación dun 1.364.000 metros cadrados máis de chan urbanizable industrial para a implantación de actividades económicas”, pormenorizou Méndez.
Así mesmo, esta rolda de prensa serviu para a reincorporación, tras máis dun ano de baixa, do concelleiro de Urbanismo Sustentable e ex secretario provincial do PSOE en Lugo, Álvaro Santos.