InicioSociedadeA Fundación Amancio Ortega fai realidade a nova escola infantil de Lugo

A Fundación Amancio Ortega fai realidade a nova escola infantil de Lugo

Este mércores comeza a súa actividade regular a escola infantil de Garabolos, sobre terreos cedidos polo Concello e xestionada pola Xunta

PUBLICADA O

- Advertisement -

É o primeiro gran proxecto da Fundación Amancio Ortega en Lugo. Este martes foi inaugurada a nova escola infantil de Garabolos, na avenida Paulo Fabio Máximo. O fito contou coa participación imprescindible do Concello e a Xunta de Galicia, para unhas instalacións que contan con 12 especialistas e 82 prazas públicas para cativos de 0 a 3 anos segundo os parámetros do Consorcio de Servizos Sociais.

O edificio erixiuse encol dun predio de 4.000 metros cadrados cedido polo Concello, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros a cargo da sociedade solidaria do máximo responsable do grupo Inditex. Este mércores comezará a actividade no centro de ensino, xestionado pola administración autonómica; a corporación local achega un terzo do mantemento, uns123.000 euros anuais, e a Xunta os dous terzos restantes.

Aínda que a Fundación Amancio Ortega mantén colaboracións no eido sanitario, a escola infantil supón a primeira iniciativa individual en Lugo. Tal e coma salientou o vicepresidente da organización, José Arnau, o proxecto foi entregado en man seguindo os estándares de calidade de Inditex, a través da constructora do grupo, que dirixe Manuel Queijeiro.

Lara Méndez | Óscar Bernárdez

A inauguración, coprotagonizada polas nenas e familias, é o cumio dun plan de colaboración da Fundación Amancio Ortega cos concellos para a creación de escolas infantís na xeografía galega. En conxunto, son 32 millóns de euros que permitiron ata o de agora 700 novas prazas en escolas infantís.

O dereito á educación dende idades temperás e a necesidade de conciliar vida familiar e laboral son obxectivos compartidos polas tres institucións partícipes. A rexedora de Lugo, Lara Méndez, reivindicou o gasto social do Concello, o primeiro nesta categoría de Galicia e o cuarto en España con 23 millóns de euros, o 24 por cento do global orzamentado. Desta cantidade, 4 millóns vai á educación, para o funcionamento de garderías e comedores escolares.

Así, o goberno local sostén catro garderías municipais con 238 prazas, o que engadido aos dous centros da Xunta en Lugo permite elevar a oferta pública a 447 prazas para cativos de 0 a 3 anos. Méndez incidiu en que este esforzo a prol da conciliación ten un aceno feminino, posto que o peso desta función familiar segue a recaer na muller.

Alberto Núñez Feijóo | Óscar Bernárdez
Alberto Núñez Feijóo | Óscar Bernárdez

Para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, as instalacións merecen o cum laude “en todo o que se ve, e no que non se ve”. O xefe do executivo proclamou que “non hai melloras escolas infantís que as que financia a Fundación Amancio Ortega, e Lugo ten a sorte de contar con unha nun lugar residencial e preto das empresas”. Asemade quixo subliñar que a asociación sen ánimo de lucro ten un compromiso tamén cos maiores, para os que habilitou case duascentas prazas de coidado.

“No ámbito sanitario, educativo e de maiores, o mellor aliado dunha administración pública é a Fundación”, proclamou Feijóo. Na actualidade, a oferta de Lugo supera o recomendado pola Unión Europea, un punto por enriba da relación de 33 prazas en escolas infantís por cada 1000 habitantes. “Na provincia de Lugo hai 2.650 prazas de escolas infantís financiadas publicamente, a pesares das dificultades da última década”.

Nese senso, Galicia cobre o 41,5 por cento da demanda de prazas en escolas infantís, ratio oito puntos superior á recomendación comunitaria. Este curso iníciase con 500 novas prazas na rede Galiña Azul; dos cinco novos centros de 0 a 3 anos, tres foron financiados pola Fundación Amancio Ortega (Santiago de Compostela, Ourense e Lugo). Para combater a baixa natalidade, a Xunta dispón o Bono Concilia, un bono mensual para que as familias que non atopen prazas na escola pública poidan acudir a un privado no termo municipal ou noutro colindante. O programa conta con 3,4 millóns de euros de crédito ampliable.

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...