InicioLugo e contornaLugoAxentes describen a habitación do crime de Desirée como unha "escena violenta"...

Axentes describen a habitación do crime de Desirée como unha “escena violenta” e con “demasiado sangue”

Apuntan a que os indicios non cadraban con "ningunha das versións" e aseguran que a nai estaba "non colaboradora" e en "actitude defensiva".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os axentes que participaron na primeira asistencia tras o asasinato da nena Desirée Leal describen a habitación na que se produciu o crime como unha “escena violenta” e na que había “demasiada sangue” para cadrar coa versión dada pola familia.

Durante a terceira sesión deste xuízo, que acolle a Audiencia Provincial de Lugo, declararon como testemuñas ata sete axentes que participaron en distintas dilixencias relacionadas cos primeiros momentos do caso: os que se personaron no domicilio para falar coa familia e os que acudiron posteriormente ao hospital a entrevistarse coa nai da nena.

Todos eles coincidiron en sinalar que viron de forma evidente manchas de sangue na cara e as mans da menor, no chan da habitación, nun zapato e nun calcetín, e que lles pareceu “demasiado sangue” para cadrar coa hipótese inicialmente lanzada pola nai, que Desirée podería terse intoxicado bebendo dunha botella con pastillas tranquilizantes que ela preparara para si mesma.

En concreto, un dos primeiros axentes en chegar á vivenda, cando os sanitarios aínda estaban a tratar de reanimala, explicou que viu “un pouco de sangue no beizo”, así como dúas manchas que parecían de sangue na almofada da cama, no chan, nun zapato e nun calcetín. “Chamoume a atención o sangue porque non me coincidía cunha morte natural”, dixo.

O segundo grupo de axentes, a quen se comunicou que era unha posible inxesta de pastillas, tamén se sorprendeu pola presenza de sangue no corpo da menor e na habitación. “Cando vexo a escena, vexo unha escena violenta”, dixo un das testemuñas, que considerou que “había demasiada sangue espallada pola zona” para tratarse dunha “morte por consumo de pastillas”. Este segundo axente describiu que no corpo da nena puido ver sangue no beizo, uñas, mans e antebrazo.

A continuación, explicou que a escena “estaba revolta”, algo que, no entanto, “é entendible”, dado que xa pasaran pola zona os técnicos de emerxencias e os sanitarios. Con todo, para os axentes non é explicable a presenza de tantas manchas de sangue, así como que no cabecero da cama atopasen salpicaduras dun líquido que contiña trazodona, e consideran que “ningunha versión” das ofrecidas pola acusada “é compatible con ese escenario”.

A NAI, TRANQUILA E “NON COLABORADORA”

Sobre como se atopaba a nai horas despois do crime, os axentes coincidiron en que estaba “tranquila” e que estaba “afectada”, pero “non ida”. A acusada atopábase no salón da vivenda acompañada polo seu pai –a súa nai estaba noutra habitación– e os primeiros axentes vírona “recostada na cadeira de brazos e cunha manta que a tapaba ata o pescozo”. Estaba “adormecida” e “bastante tranquila”, así como “completamente consciente”. “

“Non podo dicir que estaba cento por cento centrada, despois dun momento como ese é o normal, pero estaba consciente nese momento, non respondía con incongruencias. Estaba afectada, pero non ida”, dixo un dos gardas civís.

Varios deles, no entanto, apuntaron que a súa actitude “cambiou” ao preguntarlle acerca do que sucedera esa noite, momento no cal “mostrou unha actitude un pouco defensiva”, alegando que se “atopaba mal” e non quería seguir respondendo preguntas.

Do mesmo xeito, outro dos axentes contou que foi a consultarlle se podían levar o seu tablet e teléfono para investigar posibles pistas e que, tras mirar ao seu pai, a acusada dixo “Non, non vos deixo que volo levedes”. “Chocoume que non fose colaborativa nun momento así, que queres esclarecer a morte do teu fillo”, dixo o garda civil, que a viu “ata o punto de defensiva”.

Outro dos elementos que destacaron é que o pixama que vestía esa noite a acusada, no que se atoparon restos de sangue, foi localizado debaixo da cama, nunha situación na que non parecía chegar de forma “accidental”.

Os pais e o noivo da acusada dixeron aos axentes que esta tiña “unha patoloxía de tipo depresivo”, aínda que inicialmente non contaron que “tiña teima persecutoria” e que “cría que a espiaban”.

OUTRA VERSIÓN

O primeiro axente de garda civil que falou coa acusada sostivo este mércores ante o tribunal que inicialmente esta lle contou outra versión dos feitos: “Dixo que a nena se levantara á cociña e non volvera e que, despois, ela levantárase para ir á galería e viuna tirada no corredor”.

Tanto na súa declaración posterior como no xuízo, a nai de Desirée sostivo que cando se levantou, a nena estaba na habitación, pero que non a viu porque a luz estaba apagada. Foi ata a cociña e almorzou e, ao volver para espertala foi cando se decatou de que non respondía.

Na mesma liña expresouse ante os axentes a nai da acusada, que se atopaba ese día “moi, moi nerviosa”, apuntaron. A muller dixo que a súa filla entrara cedo na súa habitación e díxolle que Desirée “morrera”. Foi ela a que chamou ao 061 e tentou unhas primeiras manobras de reanimación.

Sobre a actitude da avoa da vítima ese día, outro dos axentes explicou que, tras falar con ela, tratou de levala ata o salón, onde se atopaba a procesada, para “tentar acougala”, pero ela negouse a ir alí e quedou noutra habitación. “Pareceume estraño. Pareceume estraño a reacción da acusada e despois por esa parte a reacción da súa nai ao non querer entrar alí”, resolveu.

A terceira sesión do xuízo polo asasinato da nena Desirée Leal, ocorrido na madrugada do 2 ao 3 de maio de 2019, arrincou este mércores, de novo, nunha situación de tensión.

Así, unha xornada máis, familiares e coñecidos da nena, entre os que se atopaba o seu pai, concentráronse á entrada da Audiencia Provincial antes do inicio da sesión para increpar á acusada á súa chegada, entre berros de “asasina”.

ÚLTIMAS

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...