InicioLugo e contornaLugoO médico que examinou á nai de Desirée nega episodios psicóticos no...

O médico que examinou á nai de Desirée nega episodios psicóticos no día dos feitos

A muller sostén que oía voces, pero o responsable sanitario pono en dúbida.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A nai de Desirée Leal, única acusada do seu asasinato, estaba “tranquila, relaxada” e con “conciencia plena” horas despois de acharse o cadáver da súa filla na súa cama, cando un médico a examinou por un suposto tento de suicidio. “Non tiña ningunha alteración nese momento”, destacou o facultativo.

Na segunda sesión do xuízo polo asasinato da nena, ocorrido en maio de 2019 en Muimenta, declararon un técnico de emerxencias sanitarias, así como un médico e unha enfermeira, que acudiron ao domicilio do suceso horas despois dos feitos para prestar asistencia á acusada por unha suposta tentativa de suicidio con pastillas.

O médico que a atendeu naquela ocasión apuntou que a muller presentaba unha puntuación de 15 na escala Glasgow, isto é, estaba con “un nivel de conciencia máximo”, e que estaba “tranquila” e “relaxada”, sen “ningunha alteración nese momento”. “Non a vía irritada”, engadiu. Ao chegar ao domicilio, apuntou, dixéronlle que “tomara pastillas” e que as tiña vomitado, aínda que limparan cunha toalla o vómito, o que lle impediu ver se había nel restos de fármaco.

Do mesmo xeito, o técnico que acudiu a esa mesma asistencia subliñou que a muller estaba “coherente e normal” e que mesmo puido darlles de memoria os números do seu cartón sanitario cando llos preguntaron.

ALEGA UN EPISODIO PSICÓTICO

O testemuño dos sanitarios este martes contraponse á versión dada pola propia acusada, que alega que non lembra o que sucedeu esa noite porque se atopaba nun estado de psicose e ansiedade extrema, tanto ese día como semanas antes, cando pensaba que “a vixiaban” e mesmo “ouvía voces”.

No entanto, durante a segunda sesión do xuízo, só o noivo da acusada sostivo que coñecía estes episodios de alteración, xa que outros familiares e amigos aseguraron que a viron “normal” e que só sabían que tiña unha depresión.

O primeiro en declarar ante o tribunal e o xurado foi o noivo da acusada, que, efectivamente, narrou como, tempo antes dos feitos, comezou a notar que lle pasaba algo raro. “Non me collía o teléfono, se me vía, facía como que non me coñecía ultimamente. Non quería saír de casa, estaba moi nerviosa sempre”, dixo: “non era ela, para min non era ela”.

O home dixo que eran parella desde o ano 2013 ou 2014, aínda que só se vían as fins de semana, e que era coñecedor de que tomaba medicación que lle recetara o médico de cabeceira. Así mesmo, engadiu, a súa nai “buscaba un médico para levala” polos seus problemas psicolóxicos, aínda que afirmou descoñecer que padecía un trastorno deste tipo.

A testemuña describiu á acusada como unha persoa “tranquila” e “cariñosa” que estaba “sempre mirando pola súa filla”, da que “non se separaba”. No entanto, continuou, comezou a “notala rara” e ela dicía “que tiña medo pola nena e por ela mesma tamén”, aínda que descoñece a que.

Semanas antes do crime, o home pasou uns días na casa onde vivía a muller coa nena porque “estivo moi mala, moi nerviosa” e “sen durmir”. “Eu tiña medo por ela, porque non durmía, levantábase de noite, ouvía ruídos, abría a xanela e sacaba a cabeza fóra, tomaba moito café…”, remarcou, tras o que admitiu que el non ouvía eses ruídos que ela refería.

Sobre o sucedido a noite que morreu Desirée, a testemuña explicou que a muller sempre lle dixo que “non se acorda” e que mesmo estando ingresada en psiquiatría “quería ir para a súa casa a estar coa nena”, porque non era “consciente de que morrera”. “A primeira semana case non me coñecía, falaba comigo coma se non me coñecese. Pasando unha semana empezouse a dar conta e empezou a chorar e preguntábame se sería ela, se ela a matou. Víaa moi mal”, resolveu.

FAMILIARES E AMIGOS NON VIRON EPISODIOS ESTRAÑOS

Polo demais, o resto de familiares e amigos que pasaron pola Audiencia, aínda que recoñeceron que a muller padecía depresión, dixeron que nunca observaron comportamentos estraños. Só unha muller, amiga da nai, admitiu que esta lle dixo que “ouvía voces” e sentía que a “ameazaban”, aínda que explicou que non a vía con frecuencia.

Pola súa banda, catro tíos da acusada, unha amiga dela e unha amiga da súa nai, que declararon tamén como testemuñas, aseguraron que non notaron nada raro no seu comportamento antes do sucedido, nin coñecían que tiña episodios psicóticos.

En concreto, un dos tíos da acusada explicou que un irmán lle contou que sufría “unha depresión”, aínda que el sempre a viu actuar con normalidade, á vez que eloxiou o seu “excelente” papel como nai. Outro dos tíos da procesada engadiu que esta “quería moito” a Desirée e que a súa nai lle contou que “estaba algo enferma”, aínda que nunca soubo dos episodios psicóticos. Uns días antes dos feitos viuna e estaba “como sempre”, engadiu.

Esta testemuña declarou tamén que el foi o que realizou a procura na tablet da acusada sobre un veleno para matar ratos e relacionouno coa súa actividade agrícola. Ante o xurado dixo que era habitual que el utilizase para procuras por Internet a tablet dela, que traballara para el de forma “intermitente”.

Pola súa banda, unha amiga da infancia da acusada tamén explicou que non tiña coñecemento de que padecese algunha enfermidade mental e dixo que non notou “nada raro” nela cando a viu, pouco antes do crime.

Ante o xurado tamén declarou unha amiga da nai da presunta asasina, que estivo no seu domicilio con ela e a nena un día antes dos feitos. Sobre a súa situación, explicou que “a viu normal” e non notou “nada raro” no seu comportamento.

Finalmente, a muller dun dos tíos da acusada dixo que un dos seus familiares se puxera en contacto con ela para que falase coa muller, xa que padecía “unha depresión moi grande e non quería tomar o medicamento”. “Díxome que a notaban mal, pero non que escoitase voces”, apuntou.

Do mesmo xeito, narrou que un dos tíos da muller díxolle tamén que “se puña ás veces violenta” e que “rompera o teléfono da nai”, que “tiña que pechar a porta para durmir”, aínda que non lle deron importancia porque lles pareceu “un punto de esaxeración”.

A muller foi a ver á procesada cando se atopaba ingresada en psiquiatría, onde ela pedía ir ao enterro da súa filla. A testemuña explicou que, nese momento, tivo a sensación de que “non cría que a súa filla morrese” e chegou a pedir ao seu pai que sacase fotos do enterro.

SANGUE E FERIDAS

Este xoves declarou tamén una técnico sanitario que acudiu tras a localización do corpo da menor, á que trataron de reanimar. Segundo contou, cando lle colleu as mans para comprobar a saturación de osíxeno, notou que estaban frías e descubriu “algo vermello, como sangue” nelas, aínda que parecía ser limpado.

Do mesmo xeito, contou como descubriron lesións na boca e os beizos de Desirée. “Como a nena facía un ruído estraño ao facerlle RCP, abrímoslle a boca por se se atragantara con algo, e aí vímoslle que tiña feridas o padal e na comisura dos beizos“, sinalou. Este técnico tamén advertiu á Garda Civil de presenza de sangue no chan.

Finalmente, destacou que lle sorprendeu que, ao chegar ao domicilio, tanto os pais da acusada como ela estivesen “vestidos” e “arranxados”. “Normalmente recíbenche como están: en pixama”, apuntou, tras o que subliñou que a nai da detida se puxera incluso “tacóns”.

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...