InicioCulturaAgosto no campamento de teatro gratuíto de Lugo

Agosto no campamento de teatro gratuíto de Lugo

Concello e Deputación organizan en Lugo actividades de teatro para cativos entre 7 e 14 anos que inclúe unha masterclass coa actriz Marta Larralde

PUBLICADA O

- Advertisement -

Entre o 30 de xullo e o 31 de agosto, a rapazada de Lugo poderá participar do campamento de teatro que organizan Deputación e Concello. Trátase dun conxunto de actividades de balde, dirixida a cativos entre 7 e 14 anos, que terán lugar no casco histórico da capital lucense.

A deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, remarcou durante a presentación da programación que “este campamento de teatro gratuíto ofrece aos participantes achegarse a esta actividade dunha forma lúdica e divertida, entrando en contacto coas súas diferentes disciplinas a través de xogos e métodos pedagóxicos que contribúen á súa formación”.

A responsable provincial adiantou que os asistentes intercalarán probas con xogos e talleres como a caracterización de personaxes, probas de vestiario, mímica, improvisación teatral, así como a incorporación de música e danza en cada sesión”.

García Porto precisou tamén que “con esta iniciativa ofrecemos a todas as familias que participan unha alternativa lúdica ao aire libre, que contribúe a conciliar a vida laboral e familiar nesta época estival. Polo tanto, tamén damos resposta a unha demanda da poboación que precisa compaxinar o traballo coa crianza dos fillos e das fillas”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira, convidou a todos a participar neste campamento urbano “que permite desfrutar a todos os asistentes de actividades lúdicas e gratuítas, e tamén compartir hábitos saudables ao aire libre polas prazas e rúas de Lugo”.

O campamento de teatro divídese en 4 grupos, e os interesados en participar poden anotarse segundo a súa preferencia:

Grupo 1: 30 xullo – 14 de agosto na Praza da Soidade, dende as 9:00 a 13:00 horas

Grupo 2: 30 xullo – 14 de agosto na Praza Maior, dende as 16:00 a 20:00 horas

Grupo 3: 16 de agosto – 31 de agosto na Praza da Soidade, dende as 9:00 a 13:00 horas.

Grupo 4: 16 de agosto – 31 de agosto na Praza Maior, dende as 16:00 a 20:00 hora

Masterclass gratuíta coa actriz Marta Larralde

Marta Rivera Larralde (Vigo, Pontevedra-1981) é unha actriz galega que participará nunha masterclass gratuíta con todos os asistentes a este campamento urbano de teatro. Larralde acaba de protagonizar na serie Fariña, o papel de Nieves, a primeira esposa que tivo Sito Miñanco. Esta cita será gratuíta e estará aberta ao público en xeral. Nela a actriz explicará aos asistentes a súa experiencia no mundo da interpretación.

Inscricións

Todos os interesados en participar deben cubrir a solicitude colgada na web da Deputación; http://www.deputacionlugo.org, e presentala no rexistro da Deputación. Para realizar calquera consulta está dispoñible o teléfono 982 260 180, ou o correo electrónico; ana.culturaedeporte@deputacionlugo.org. A selección será por rigorosa orde de entrada das solicitudes. Esta programación gratuíta celebrase entre os días 30 de xullo e 31 de agosto. En caso de malas condicións meteorolóxicas, as actividades programadas trasladaranse á Sala de Exposicións da Deputación.

Clases prácticas

Tódalas actividades deste campamento urbano de teatro realizaranse a través dunha metodoloxía lúdica, activa e participativa. En cada xornada os asistentes intercalarán probas a través de xogos e talleres relacionados co teatro, como por exemplo a caracterización de personaxes, probas de vestiario, mímica, improvisación teatral, así como a incorporación de música e danza en cada sesión.

ÚLTIMAS

O sector da limpeza en Lugo critica a petición de adiamento da patronal para decidir se acepta a mediación

Traballadores do sector da limpeza en Lugo criticaron "unha nova mostra do "absoluto desinterese"...

Unha persoa resulta ferida nun choque entre un camión cisterna e un coche en Abadín

Un camión cisterna que transportaba leite chocou contra un coche e envorcou en Abadín....

Unha residencia de Vilalba deberá readmitir a unha empregada despedida por reivindicar mellores condicións laborais

O Xulgado do Social número 1 de Lugo declarou nulo o despedimento dunha traballadora...

Proxectos de ir paso a paso, do micro ao macro, de furgar nos detalles pasados e presentes…

En cada visita aos museos da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) para participar das actividades...