A Deputación de Lugo rescindirá o contrato coa empresa concesionaria da limpeza, que debe varias nóminas ás súas traballadoras. No seu lugar, contratará a outra compañía que terá que subrogar as 26 empregadas que prestaban os seus servizos nos distintos edificios provinciais.
A portavoz socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, deu a coñecer en rolda de prensa “a resolución do contrato”, logo de que a compañía entrara en fase de concurso de acredores.
“GARANTIR DEREITOS LABORAIS E SALARIAIS”
Ata a nova contratación traballarase “nunha solución temporal”. O proceso para a nova adxudicación “levará un tempo” e ata daquela existe “a posibilidade de encargar o traballo a Tragsa”, sinalou García Porto.
“Nós sempre temos claro o obxectivo e a prioridade de garantir os dereitos laborais dos traballadores, tamén os seus dereitos salariais. Son 26 persoas, 26 familias as que dependen deste servizo. Tal como nos comprometemos con elas, nunha reunión que mantivo o presidente coas traballadoras, imos velar polos seus intereses“, asegurou a voceira socialista.