InicioLugo e contornaLugoO acusado de agredir e forzar sexualmente a unha menor di que...

O acusado de agredir e forzar sexualmente a unha menor di que a relación “foi consentida”

A vítima non se presentou na vista oral e a súa nai dixo que descoñece o seu paradoiro.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O mozo A.SdeA sentou este xoves no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo para responder polos supostos delitos de agresión sexual e detención ilegal a unha menor. Un xuízo no que negou os feitos e asegurou a preguntas da súa avogada que “nunca empregou a forza” coa adolescente, porque as relacións que mantiveron foron consentidas.

Tanto o ministerio fiscal como a acusación particular pediron a suspensión do xuízo, ao non comparecer na vista oral a propia vítima, aínda que si foi interrogada como testemuña a súa nai, quen dixo descoñecer o paradoiro a súa filla.

Antes de iniciar o xuízo, a defensa tamén solicitou a nulidade das actuacións, ao considerar que a causa aberta pola suposta agresión sexual viño derivada dunhas escoitas por mor dunha investigación por tráfico de drogas e foi, por tanto, “un achado casual” no transcurso dunha instrución por delitos que non gardaban conexión. En calquera caso, a sala decidiu continuar coa vista oral, con independencia de cal sexa a súa resolución respecto diso no momento de ditar sentenza.

PENA DE 16 ANOS

O ministerio fiscal solicita unha pena de dezaseis anos de cárcere para o procesado e, segundo o seu relato, o acusado coñeceu á menor no verán de 2014 e no outono dese mesmo ano mantiveron relacións sexuais consentidas por ela nun hotel situado nas inmediacións da cidade de Lugo, onde ambos consumiron cocaína e cannabis.

A finais de 2015, regresaron ao mesmo hotel e, segundo o escrito de acusación, “o procesado non fixo caso das peticións da menor” e, a pesar da súa negativa, “suxeitouna con forza até esgotar o acto sexual”. A menor non acudiu ao médico e tampouco lle contou o sucedido á súa nai, precisa o relato do ministerio fiscal, aínda que ela “tivo noticia do sucedido a través dunha terceira persoa”.

Foi en marzo de 2016, cando o procesado, que conducía o seu automóbil por unha rúa perpendicular a Camiño Real, na cidade de Lugo, viu á menor e “empuñando unha pistola que non foi achada, díxolle “súbeTe ao puto coche”. “Intimidada, subiu ao vehículo e circulou por varias rúas de Lugo en compañía do procesado”, precisa, ata que “logrou escaparse aproveitando o momento no que o acusado baixou do automóbil e entrou nun establecemento.

Segundo o fiscal, a “vítima foi obrigada a permanecer no vehículo en contra da súa vontade durante un tempo aproximado de quince minutos”, porque o procesado quería reprocharlle que esta comentase o sucedido con outras persoas. O fiscal pide 13 anos de prisión por un delito contra a liberdade sexual e outro tres anos de reclusión por un delito “detención ilegal”.

O ACUSADO DI QUE A COÑECEU NUN PUB

Tamén pide que se lle prohiba achegarse á vítima durante dez anos e que a indemnice con 6.000 euros por danos morais. Durante a súa declaración na vista oral, o acusado confirmou que coñeceu á menor, que naquel momento tiña catorce anos, nun pub de Lugo que “abre desde a unha da madrugada até o día seguinte”, pero a adolescente díxolle que tiña “17 anos”, o que el creu, pola forma na que ía vestida e porque estaba nun lugar para persoas adultas, onde a xente ía a “consumir sustancias estupefacientes e a emborracharse”.

Segundo o seu testemuño, outro día atopouse coa moza pola rúa e esta pediulle o seu número de teléfono para quedar. Na súa declaración dixo que foi a moza quen se puxo en contacto con el e asegurou que “xamais” LLE ofrecEU drogas á menor, ademais de precisar que as relacións sexuais entre ambos foron “sempre consentidas”.

De feito, negou que fose con ela a un hotel, porque “non tiña diñeiro”, de modo que as relacións entre ambos se produciron sempre na súa propia casa, cando non estaba no domicilio “a súa muller”, porque estaba casado e o seu permiso de residencia dependía de manter o seu matrimonio. “Nunca tiven unha arma na miña vida”, dixo o acusado, quen tamén dixo que non volveu ver á suposta vítima desde o ano 2014 e que se decatou da denuncia por agresión sexual cando estaba no calabozo por un caso de tráfico de drogas.

Na súa declaración, a nai da moza recoñeceu que neste momento descoñecía o paradoiro exacto da súa filla e confirmou que se decatou de “moitas cousas” por mor da declaración da menor ante a policía, porque a ela nunca lle contou directamente que a forzou. Tamén recoñeceu advertir ao acusado de que deixase en paz “á nena” cando tivo coñecemento de que supostamente a ameazou.

Segundo o acusado, a moza quixo “meter merda” contra el porque ela tamén “andaba metida no trapicheo”.

ÚLTIMAS

A provincia de Lugo en alerta por fortes choivas

Galicia estará este domingo en alerta por choivas en varios puntos das provincias da...

O PP esixe ao Goberno que a provincia de Lugo estea no mapa das infraestruturas ferroviarias

O senador por Lugo e coordinador xeral do Partido Popular provincial, José Manuel Balseiro,...

A Audiencia de Lugo absolve a unha muller e a súa filla acusadas de estafar á avoa para que lles dese diñeiro

A Audiencia Provincial de Lugo absolveu a dúas mulleres, nai e filla, que estaban...

Besteiro urxe á Xunta que poña o foco na saúde mental da provincia de Lugo, onde hai “dous suicidios á semana” de media

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu este xoves en Lugo da...