Cada ano, arredor de oitocentos lucenses sofren un ictus e a cifra amplíase ás 8.000 persoas se analizamos o impacto a nivel galego. Actualmente, esta enfermidade é unha das primeiras causas de mortalidade e discapacidade en España e, lonxe de ir en descenso, vai incrementándose a un ritmo preocupante. Xusto por ese motivo é totalmente comprensible a indignación dos veciños de Lugo ante a inexistencia dunha Unidade de Ictus no HULA. Cidadáns e sanitarios reclaman gardas de neuroloxía durante as 24 horas, de modo que se garanta un tratamento apropiado aos enfermos de ictus, unha doenza na que “o tempo vai na nosa contra”.
A Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo e a súa propia Plataforma en Defensa da Sanidade no HULA veñen de poñer en marcha unha nova onda de reivindicacións neste sentido. Xa que este 29 de outubro se celebrou o Día Mundial do Ictus, o colectivo aproveitou para poñer no foco mediático unha problemática que xa se arrastra dende hai varios anos. E é que Lugo e Ourense son as únicas provincias galegas que non contan cunha unidade hospitalaria específica para ictus. “Iso supón un trato de terceira para os veciños de Lugo“, denuncian. Pídenlle á Consellería de Sanidade que resolva esta carencia antes de que remate o 2019.
“HAI ASISTENCIA SEMPRE, PERO NON Á MÁXIMA CALIDADE”
No Hospital Universitario Lucus Augusti nin sequera existe un servizo de neuroloxía durante todo o día e a noite, requisito previo para o establecemento desa unidade. “Os neurólogos están incluídos na área de Medicina Interna e fan as gardas co resto de especialistas doutras materias. Polo tanto, só hai neurólogo seguro pola mañá. Pola tarde e pola noite, ás veces haino e outras veces non“, explica a secretaria comarcal de CIG-Saúde, Carmen Aira.
Existe, iso si, un protocolo de atención desta patoloxía a calquera hora do día. Se coincide que está de garda un neurólogo/a, sería el/a quen valorarase o estado do paciente. En caso contrario, encargaríanse os ucistas (persoal da UCI). “Loxicamente, os profesionais entenden que os neurólogos son quen mellor poden tratar os casos de ictus. Hai asistencia sempre, pero non á máxima calidade“, expón Aira.
TRASLADOS Á CORUÑA: “O TEMPO VAI NA NOSA CONTRA”
A insuficiencia de recursos en Lugo implica que os pacientes teñan que ser derivados, en moitos casos, aos hospitais da Coruña ou de Santiago. Dende a Plataforma en Defensa da Sanidade do HULA alertan do perigo que iso entraña: “os pacientes sufrirán secuelas importantísimas, se é que se mantiveron vivos despois de 100 quilómetros de viaxe e arredor dunha hora de traslado”.
A Asociación de Dano Cerebral Adquirido (ADACE) de Lugo lembra que as primeiras horas logo de sufrir un ictus son “importantísimas”. Por iso é tan relevante o traballo de sensibilización da cidadanía acerca da detección dos síntomas. “Pero iso non serve de moito se despois o paciente vai correndo ao hospital e alí non atopa unha unidade específica que o trate”, lamentan. “Cos ictus, o tempo vai na nosa contra. O importante é que exista ese recurso inmediato”.
E UNHA VEZ SUPERADO O ICTUS, QUE?
Nesta asociación, ADACE, coidan que outra das preocupacións dos doentes e dos seus familiares chega despois do diagnóstico e de ter superado a primeira fase. “A xente vén aquí e pregúntanos: ‘que pasa agora?’ Hai demanda, sobre todo, de máis servizos de rehabilitación. Non só física, que é a máis frecuente, senón tamén neuropsicolóxica, porque hai pacientes con secuelas invisibles, pero igual de importantes”, explican.
“Se os casos de ictus van a máis, está claro que os recursos teñen que ir á par” en todos os períodos. Desafortunadamente, non sempre é así. A comunidade galega “vai á cola en prevención e tratamento, sen que o Sergas trate de poñer remedio”, sosteñen dende a Federación de Asociacións Veciñais. Desta vez (outra máis!), poñen sobre a mesa unha situación que consideran inxusta e agardan que “esta chamada non caia en saco roto nos órganos de xestión do HULA nin na Consellería”.