Lugo Lions é un club de Flag Football (Fútbol Americano sen contacto), creado a mediados do 2018 por exjugadores e exjugadoras provenientes doutros equipos de Flag Football, que se mudaron a Lugo por motivos laborais ou académicos. Hoxe xa son máis de 16 membros, tanto homes como mulleres.
A principios do 2020, este clube comezará a competir na Liga Galega de Flag Football (categorías mixta e feminina), así como outro tipo de torneos durante o resto da tempada. Pero, para poder fronte a esta situación, piden a axuda de afecionados e non afecionados a este deporte.
Por iso, decidiron lanzar unha campaña de crowdfunding para acadar 5.250 euros. Son os cartos que precisan para material deportivo, inscricións na liga e arbitraxe, fichas deportivas e seguros, equipamentos, desprazamentos e alugueiro de pavillóns deportivos onde competir.
“A través das distintas achegas, a partir de 1€, podedes colaborar co equipo axudándonos a lograr o noso obxectivo de competir na liga Galega de Flag Football na tempada 2019-2020”, apuntan desde o clube. Os que decidan axudar poderán conseguir camisolas e gorras do equipo. Os e as interesadas poden participar no crowdfunding nesta ligazón.