InicioLugo e contornaEU reclama á Xunta e ao Concello de Lugo que "se dignen...

EU reclama á Xunta e ao Concello de Lugo que “se dignen a personarse” na Operación Carioca

Eva Solla cre que a Administración autonómica "está a ser cómplice da impunidade" neste caso e, "se non se actúa, decenas de mulleres quedarán en vulnerabilidade"

PUBLICADA O

- Advertisement -

Esquerda Unida presentou este martes no rexistro da Xunta un escrito para instar á Xunta a que “se digne a personarse” na Operación Carioca, cuxa instrución da peza principal xa se atopa pechada con cinco investigados. Ademais, a formación reclama que o Concello de Lugo tamén forme parte da acusación.

Nunha rolda de prensa ofrecida este martes na sede do partido en Santiago, a coordinadora nacional de EU, Eva Solla, insistiu en que estas dúas institucións “non poden permanecer impasibles ante a indefensión das vítimas de trata“. Solla esgrimiu que a Xunta “está a ser cómplice da impunidade” nos casos relacionados coa Carioca e, “se non se actúa, decenas de mulleres quedarán en vulnerabilidade en casos terribles, incluíndo a prostitución de menores”.

Eva Solla aproveitou para lembrar que a xuíza Pilar de Lara, instrutora desta operación, xa se dirixiu tanto á Xunta como ao Concello para que formasen parte do caso. De feito, o artigo 30 da lei autonómica contra a violencia de xénero recolle a capacidade da Administración galega para dirixir a acusación popular. “Non entendemos por que non se actúa. Probablemente porque estes casos teñen relación con outros casos de corrupción que están a ser estudados por unha xuíza (De Lara) que está a ser perseguida”, subliñou.

MÁIS DE 40 MILLÓNS DE VÍTIMAS

Pola súa banda, a responsable da área de Muller de EU, Raquel Bermúdez, estimou que, no mundo, “máis de 40 millóns de persoas son vítimas de explotación sexual”, das cales “o 72 por cento son mulleres e nenas que proceden dos grupos máis vulnerables da sociedade, especialmente mulleres migrantes en situación administrativa irregular”. En Galicia, Bermúdez estimou que este colectivo representa “o 90 por cento” dos casos detectados.

Ademais, puxo o foco en que España é “un dos principais destinos de mulleres e nenas vítimas de trata”, cun “moi preocupante incremento” dos proxenetas “cada vez máis novos”, que se sitúan “ao redor dos 20 anos”.

Así, Bermúdez lembrou que en Galicia permanece activa “a maior causa xudicial contra o proxenetismo” do Estado coa Operación Carioca, na que Fiscalía -criticou- “non contemplou delito na prostitución dunha menor porque falsificou o seu DNI cun bolígrafo”.

Por todo iso, Esquerda Unida quixo “ratificar” o seu posicionamento a favor das teses abolicionistas da prostitución defendidas polo movemento feminista, “que sitúa á prostitución como unha forma de violencia machista extrema”.

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...