Un ariete, unha catapulta, a estacada que colle forma na Praza Maior. Lugo comeza os preparativos e xa está en modo Arde Lucus. Isto implica dúas cousas: por unha banda, que as entradas para os principais espectáculos están xa a venda; pola outra, que as forzas de orde público xa teñen planificada a seguridade para este magno evento. Apenas queda unha semana para que a cidade multiplique a súa poboación coa meirande recreación histórica.
Están dispoñibles xa as entradas para o Harpastvm, o Circvs Romano e o espectáculo Divinivm, a tres euros por billete e un máximo de 10 por persoa. Nos tres casos poderanse adquirir a través da web www.entradaslugo.es ou ben na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo. Todos os eventos serán na explanada do Pavillón Municipal, o primeiro deles o venres, ás 23:30 horas, a cargo das asociacións de recreación histórica Caetra Lucensium, Mercenarios Galaicos e Guardia Pretoriana; o segundo o sábado, a partir das 18:00 horas, e o terceiro, tamén o sábado, dende as 23:55 horas.
Así mesmo, mantense aberto o prazo inscrición para a carreira II Mvrvs Lvcis, Romanos contra Castrexos, que se celebrará na primeira xornada do Arde Lucus MMXVIII, o 15 de xuño, a partir das doce da noite. Constará dunha volta polo adarve da Muralla, correndo o grupo dos romanos e o dos castrexos en sentido contrario, é dicir, un grupo sairá cara a dereita e outro cara a esquedra, sentido que escollerá un representante do grupo romano e do grupo castrexo co xogo da moeda ao aire.
O límite de inscricións será de 250 persoas, 125 romanos e romanas e 125 castrexos e castrexas, e a idade mínima para participar é de 16 anos. Todas as persoas que desexen participar deben inscribirse, ata o 11 de xuño, a través da páxina web www.championchipnorte.com. O custo da inscrición é de 3 euros e inclúe vestimenta de caracterización, a elixir á hora da inscrición entre romano ou castrexo. As prazas iranse esgotando por rigusoa orde de inscrición. Así mesmo, avituallamento líquido ao rematar a proba.
A recollida de dorsais e vestimenta realizarase no centro colaborador do evento Forus Lugo, na rúa Iglesias Otero, entre o 13 e o 15 de xuño. Haberá un gañador e unha gañadora absolutas en cada categoría (romana ou castrexa) e un equipo gañador, que resultará da suma dos 15 mellores tempos masculinos e 10 femininos de cada categoría. A proba comezará e rematará na praza de Pío XII, onde todas as persoas participantes están convocadas ás 23:45 horas, para comezar a carreira 15 minutos máis tarde.
O concello explota o Arde Lucus para convertelo nun motor económico da cidade
Plan de seguridade reforzado
Na reunión da Xunta Local de Seguridade estableceuse o sistema de coordinación entre as distintas forzas e corpos de seguridade, coa finalidade de que os diversos actos programados no Arde Lucus, máis de 350, discorran sen ningún tipo de incidente. Compoñentes reforzados garantirán que os e as lucenses e visitantes poidan gozar destes festexos con absoluta tranquilidade.
Haberá, ademais das quendas rotatorias da Policía Local, un total de 56 reforzos: 14 o venres, 26 no sábado, e 16 o domingo. Asemade, xunto ás quendas ordinarias do servizo de Bombeiros, situarase unha dotación de maneira permanente nas proximidades da Praza Horta do Seminario, reforzando o turno de traballo con 6 efectivos.
Os efectivos da Policía Nacional e da Unidade de Policía Autonómica colaborarán co dispositivo de seguridade despregado pola Policía Local para evitar incidentes no transcurso do festexo. Ao manterse activo o nivel 4 de alerta terrorista, se adoptarán medidas de seguridade no entorno dos campamentos e das zonas peonís, colocando vehículos a modo de barreira. Os axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil, pola súa banda, realizarán controis nas entradas e saídas á cidade.