InicioMedioambiente e PatrimonioI+D no Campus Terra para salvar a árnica, planta medicinal tradicional

I+D no Campus Terra para salvar a árnica, planta medicinal tradicional

Universidade e Deputación colaboran para achar unha técnica viable de cultivo ecolóxico, sostible no espazo e no tempo, para unha planta de crecente demanda na industria farmacéutica

PUBLICADA O

- Advertisement -

Un novo proxecto de I+D procura o aproveitamento sustentable e a conservación da Árnica Montana L., planta medicinal tradicional galega agora ameazada. A posta en marcha dunha investigación na Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Deputación de Lugo, permitirá analizar a diversidade xenética da especie, que presenta propiedades terapéuticas acaídas para a absorción de hematomas e coma antiinflamatorio, e experimentar novas técnicas sostibles para o cultivo dunha planta cunha demanda crecente por parte da industria farmacéutica.

O proxecto está liderado por profesores e investigadores do Campus Terra lucense, concretamente da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Son Rosa Romero, do grupo de Sistemas Silvopastorais, e Manuel Vera, do grupo de Xenética. Os traballos están financiados con 22.000 euros da Deputación para as anualidades 2018 e 2019, unha liña orzamentaria que tenta dar continuidade aos estudos xa desenvolvidos no centro universitario respecto dos principios químicos responsables das propiedades terapéuticas da árnica, da que se distinguen dous quimiotipos, o español e centroeuropeo.

O quimiotipo español da árnica é o predominante en Galicia. A súa principal diferencia con respecto ao centroeuropeo –habitual en países como Alemaña ou Romanía–, vén dada polo feito de que as lactonas sesquiterpénicas da súa flor, responsables das propiedades terapéuticas, presentan un menor grao de alerxias asociadas.

Dous son os obxectivos do convenio entre Deputación e USC. O primeiro é a análise da diversidade xenética a nivel inter e intra poboacional de Árnica Montana L. en Galicia, a fin de definir unidades de xestión e establecer estratexias de aproveitamento sostible das súas poboacións. O segundo e posterior será a posta en marcha de experiencias de cultivo (parcelas experimentais) respectuosas coa conservación da biodiversidade das poboacións naturais de árnica, pero encamiñadas a abrir alternativas rendibles economicamente para o sector agrario galego. Isto abriría posibilidades de realizar transformacións en Galicia que alén do secado e picado da árnica, coa finalidade de incrementar o valor engadido e a repercusión económica e de creación de emprego.

Cada ano colléitanse en Galicia máis de vinte toneladas de flor fresca de árnica. Por iso, garantir a pervivencia das poboacións naturais e favorecer o aproveitamento sustentable da planta medicinal deben ser os dous eixos de actuación para os promotores deste proxecto de Investigación e Desenvolvemento. En especial para Lugo, provincia que acolle algunhas das mellores poboacións de árnica no noroeste peninsular.

Amais do positivo impacto económico, outra das vantaxes deste convenio de I+D+i afecta á transferencia de tecnoloxía ao sector agroforestal, pois os estudos a desenvolver poderían facilitar técnicas viables de cultivo ecolóxico para esta planta medicinal, sostibles no tempo e no espazo para contribuír ao desenvolvemento rural e a fixación de poboación en zonas rurais. Asemade, o aproveitamento da árnica será un complemento para as rendas económicas doutras actividades agrarias, gandeiras e forestais da provincia de Lugo.

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo recupera a normalidade coa primeira xunta de Goberno presidida por Carmela López

A Deputación de Lugo recuperou a normalidade, tras a elección de Carmela López o...

Chuvia, tractores e presión política: os gandeiros interpelan á Xunta e á Deputación de Lugo por Mercosur

Tras unha intensa xornada de protestas, os gandeiros e agricultores de Agromuralla e de...

O PP acusa a PSOE e BNG de “pisar o feminismo” para manter o poder na Deputación de Lugo

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos Couñago, sinalou que o novo goberno...

Excarceran a un condutor tras caer co seu coche por un terraplén en Samos

Os Bombeiros de Sarria tiveron que excarcerar a unha persoa tras caer co seu...