A cidade artella os últimos preparativos para a festa máis emblemática, o Arde Lucus. A importancia do patrimonio histórico na identidade de Lugo nunca foi tan pronunciada cara os lucenses e cara o exterior. É por estas datas que propios e alleos botan en falla un espazo dedicado a expor a pegada de Roma na Gallaecia, ese legado material que otorga senso á celebración; porque a liña que separa a festa temática da tradición é moi sutil.
Por suposto, o Concello aproveitou o pulo do Arde Lucus para devolver a historia á axenda cultural. A recente iniciativa Desenterrar o pasado trouxo unha charla sobre as termas romanas co director das excavacións; no Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL) está a mostra da Cohors III Lucensium; este sábado foi ocasión da andaina Pasos con historia, descobre o Camiño primitivo, con programación ata finais de xuño; e este domingo, ao abeiro do plan Terras de Auga e Cultura, outro roteiro con motivo da vida na época castrexa.
Estas semanas, non obstante, terían que servir para reivindicar a existencia dun Museo da Romanización, un proxecto que leva en forma de borrador unha década. Todas as pezas que Lugo garda deberían encher as salas de exposición, visibilizando así o valor patrimonial do conxunto e evidenciando a necesidade dun espazo propio. Sobre todo cando o argumento da Xunta de Galicia para non aprobar a transformación do Cuartel de San Fernando é que sobran espazos para amosar ao público o legado romano.
A elección deste emprazamento tamén é motivo de discusión. A asociación empresarial Lugo Monumental alegou en febreiro que o Cuartel podería quedar escaso de superficie. Ante as dúbidas sobre o inventario de pezas susceptibles de ser expostas –non todas son de interés ou están en condicións–, advertían de que os 5.000 metros cadrados de San Fernando son escasos en comparación con outros museos do eido, coma o centro arqueolóxico de Mérida.
Así as cousas, a reunión do círculo de empresarios coa alcaldesa Lara Méndez fixo que Lugo Monumental apoiara a opción do Cuartel de San Fernando, un Ben de Interés Cultural parcialmente rehabilitado e valorado pola situación céntrica, preto doutros centros vencellados á historia antiga. Estes consensos deben ampliarse se o goberno local quere que a administración autonómica aposte polo Museo da Romanización. E iso só pode acadarse cunha listaxe detallada da colección a expor e os requisitos de almacéns, obradoiros e demais servizos imprescindibles.
Na actualidade, Lugo goza dunha rede museística considerable. Amais do Museo Provincial no antigo convento de San Francisco e as salas de exposición do pazo de San Marcos, adicado a materiais con diferentes motivos, a cidade conta co Centro de Interpretación da Muralla, a Domus do Mítreo –xacemento anterior ao século III–, o moderno Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL), o Centro Cultural do Vello Cárcere, o Museo Diocesano Catedralicio –decano dos museos galegos–, a Casa dos Mosaicos –unha domus conservada in situ–, a Sala de Exposicións da Porta Miñá –que estuda a fundación e a expansión de Lucus Augusti– e o Centro Arqueolóxico San Roque.