InicioEconomíaA Deputación aproba case 400.000 euros para O Incio, A Ribeira de...

A Deputación aproba case 400.000 euros para O Incio, A Ribeira de Piquín e o seu parque móbil

"Son recursos que imos destinar a tres ámbitos moi concretos: á mellora das estradas provinciais, á creación de novas oportunidades no rural e á adaptación das instalacións da propia Deputación ás necesidades que temos hoxe e ás que teremos no futuro", sinalou a portavoz García Porto

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo aprobou novos investimentos por preto de 400.000 euros destinados a mellorar a rede viaria provincial, xerar novas oportunidades no medio rural e adaptar as instalacións da propia institución ás necesidades actuais. Así o explicou este venres a portavoz socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, tras a reunión da xunta de goberno celebrada no Pazo de San Marcos.

“Son recursos que imos destinar a tres ámbitos moi concretos: á mellora das estradas provinciais, á creación de novas oportunidades no rural e á adaptación das instalacións da propia Deputación ás necesidades que temos hoxe e ás que teremos no futuro”, sinalou García Porto.

En materia de mobilidade, a Deputación licitará por preto de 227.000 euros as obras de mellora de tres tramos das estradas provinciais LU-P-1306 e LU-P-2503, ao seu paso polo municipio do Incio.

A portavoz socialista lembrou que estas actuacións responden a un compromiso adquirido pola presidenta da Deputación cos veciños durante unha recente visita ao municipio.

Na LU-P-1306, que comunica Megoxe, Seceda e Ferrería do Incio, actuarase sobre case catro quilómetros, entre os puntos quilométricos 21,124 e 24,886, mediante o acondicionamento do firme. Os traballos terán un prazo de execución de catro meses.

Na LU-P-2503, que conecta O Incio con Foilebar, intervirase noutros dous tramos, entre os quilómetros 2,500 e 2,600 e entre o 6,100 e o 6,900. As obras incluirán a mellora do firme mediante aglomerado en quente, actuacións para facilitar a evacuación das augas superficiais, o repintado das marcas viarias e a reposición da sinalización vertical.

García Porto destacou que estas actuacións permitirán avanzar cara a unha rede viaria provincial “máis segura e en mellores condicións” para as persoas que viven e traballan nos municipios e para o desenvolvemento da súa actividade económica.

Outro dos acordos aprobados contempla a colaboración co Concello da Ribeira de Piquín para financiar a instalación e posta en funcionamento dunha cociña comunitaria no Centro de Día da residencia municipal, situado en Chao do Pousadoiro. O proxecto conta cun orzamento superior aos 100.000 euros, dos que 55.000 serán achegados pola Deputación.

Como avanza o goberno provincial, a nova infraestrutura pretende converterse nun espazo de interese público que contribúa a dinamizar a actividade económica, social e comunitaria do municipio, ademais de facilitar oportunidades para o emprendimiento, impulsar o consumo e a valorización de produtos de proximidade e preservar e difundir a gastronomía e os recursos propios do territorio.

A portavoz provincial subliñou que este tipo de iniciativas teñen unha especial relevancia nos municipios pequenos, xa que poden favorecer a creación de oportunidades para que os seus habitantes poidan emprender, traballar e desenvolver o seu proxecto de vida no medio rural.

Por último, a xunta de goberno licitou por máis de 105.000 euros as obras de reforma da instalación eléctrica do parque móbil da Deputación no Ceao. A actuación responde o incremento do uso destas dependencias e á incorporación de novos servizos e equipamentos durante os últimos anos.

O parque móbil dispón actualmente, entre outros servizos, da área de Audiovisuais e de puntos de recarga para vehículos eléctricos. A intervención permitirá reorganizar e adaptar a instalación eléctrica para garantir un funcionamento seguro e eficiente e atender tanto as necesidades actuais como as futuras.

+ posts

ÚLTIMAS

Candia presume do éxito do Caudal Fest tras xuntar a “40.00 persoas”

O Caudal Fest pechou este fin de semana a súa oitava edición con preto...

O PP denuncia que Lugo sexa “a única provincia sen posto principal da Garda Civil”: “É unha discriminación máis”

Os senadores lucenses do PP, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano,...

A Fiscalía eleva a 12 anos e medio a petición de cárcere para o acusado de maltratar e agredir sexualmente a filla de 4...

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este luns o xuízo contra un home acusado...

Acusado de introducir droga no cárcere de Bonxe tras regresar dun permiso penitenciario

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá o vindeiro venres a audiencia preliminar do caso...