InicioEconomíaOs GES toman Lugo para esixir recoñecemento laboral e ameazan con folga...

Os GES toman Lugo para esixir recoñecemento laboral e ameazan con folga se non hai solución

Nunha reunión, a Deputación acordou con eles preparar unha moción de urxencia para tratar de atopar unha solución que garanta un servizo eficiente na provincia

PUBLICADA O

- Advertisement -

Bombeiros dos corpos dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) concentráronse este martes ante a sede da Deputación de Lugo para reclamar melloras laborais e unha reorganización do modelo de xestión, nunha protesta apoiada polos sindicatos CSIF, CIG, CNT e CC.OO.

Pasadas as 12.00 horas, decenas de efectivos ocuparon a praza do Pazo de San Marcos nunha mobilización pacífica na que fixeron soar petardos, bengalas e bombas de fume para visibilizar o seu malestar. O presidente da Asociación dos GES de Galicia, Xullo Ribero, leu un manifesto no que denunciaron que realizan as mesmas funcións que os bombeiros dos consorcios, pero “sen o recoñecemento nin as condicións que nos corresponden”. Durante o acto tamén renderon unha homenaxe aos profesionais falecidos.

Os traballadores denuncian unha suposta “fraude á Seguridade Social” ao estar encadrados nunha categoría laboral que non lles permite acceder a dereitos como a xubilación anticipada, e critican que algúns concellos non están a cumprir cos acordos que deron orixe aos GES. Poñen como exemplo casos como Sanxenxo, Ferrol ou Cervo, onde aseguran que se produciron reducións de quendas, riscos operativos ou mesmo o peche do servizo.

Segundo Ribero, a situación agravouse pola falta de persoal: “a xente marchou a outros traballos polas malas condicións que arrastramos durante máis dunha década”, o que deixa vacantes en varios dos 30 grupos activos en Galicia. Por iso reclaman abrir unha negociación real e que Xunta e deputacións asuman a xestión directa para evitar que o sistema funcione “en paliativos”. De non haber avances, advirten, o seguinte paso será convocar unha folga.

Mentres a mobilización se desenvolvía no exterior, o pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade unha moción de apoio ao persoal dos GES, centrada especialmente na situación do servizo de Cervo, pechado desde finais de 2024. A iniciativa, elaborada por PSdeG e BNG, reclama convocar con urxencia o órgano de seguimento e estudar medidas para a súa reapertura.

A portavoz socialista Pilar García Porto subliñou que os GES son “un servizo público esencial, especialmente no rural e en territorios dispersos”, e incidiu na necesidade de garantir unha cobertura eficaz de emerxencias en toda a provincia. A mobilización de Lugo forma parte dun calendario de protestas que continuará noutras cidades galegas nas próximas semanas.

COMPROMISO DA DEPUTACIÓN 

A Deputación comprométese co persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) e defenderá a prestación do servizo en Cervo, pechado desde finais do 2024 tras a decisión unilateral do Concello. Así o acordou o Pleno Ordinario celebrado este martes no Pazo de San Marcos tras unha moción de urxencia presentada de forma conxunta polos partidos de Goberno para elevar unha instancia, a petición dos traballadores, para que Xunta, FEGAMP e Deputacións convoquen a Comisión de Seguimento do convenio dos GES, co fin de avaliar o funcionamento do servizo neste municipio.

Esta iniciativa saíu adiante por unanimidade, cos votos favorables de todos os grupos que conforman a Corporación provincial: PSdeG, BNG, o Deputado non adscrito e o PP.

Pilar García Porto, aegurou que “nos últimos anos, a rede de GES sufriu cambios e dificultades”, e que se trata dun servizo público esencial no sistema de atención ás emerxencias, especialmente en territorios rurais e con alta dispersión da poboación.

Tras manter unha reunión cos representantes do persoal do GES, o Goberno de Carmela López acordou con eles preparar unha moción de urxencia para tratar de atopar unha solución que garanta un servizo eficiente na provincia.

+ posts

ÚLTIMAS

O PP provincial acusa a Carmela López de manter “as imposicións” de Tomé sobre os traballadores de Tragsa

Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan que Carmela López perdera hoxe “unha oportunidade...

A Xunta nega “colapso” no HULA e atribúe a morte de dous pacientes a súa situación “moi delicada”

A área sanitaria de Lugo desmentiu que o servizo de urxencias do Hospital Universitario...

A Deputación reclama á Xunta accións sobre o patrimonio provincial para evitar danos irreversibles

 A Deputación de Lugo reclama a Xunta de Galicia unha acción planificada sobre os...

Extinguido o primeiro gran incendio do ano en Lugo

O incendio declarado o pasado luns no concello lucense de Navia de Suarna, na...