A Cooperativa A Carqueixa foi seleccionada polo Proxecto MIES (Movimiento para la Innovación y el Emprendimiento Social) como un proxecto exemplar en emprendemento rural a escala estatal. Xunto con outros 10 proxectos, dous deles tamén galegos -Cosméticos Muuhlloa e Pesca Artesanal Fresco y del Mar-, o da Cooperativa A Carqueixa é así recoñecido como unha importante contribución para un medio rural máis vivo, innovador e sostible.
O Proxecto MIES é unha iniciativa impulsada por Almanatura, Salvaje e Terra da Auga dentro do proxecto Impacta+, impulsado por Ashoka España e Google.org co obxectivo de xerar en España un ecosistema de emprendemento social diverso, accesible e inclusivo.
A Cooperativa A Carqueixa é un proxecto de gandería vacúa en extensiva na comarca dos Ancares, implicado na conservación das artes tradicionais gandeiras -son os últimos transhumantes de Galicia– e da biodiversidade do medio. Un dos seus grandes fitos nos seus trinta anos de vida foi desenvolver novas formas de comercialización e distribución dos seus produtos, grazas inicialmente á venda por internet e, máis recentemente, á apertura dunha carnicería propia na Praza de Abastos de Lugo. Desta forma, A Carqueixa ten conseguido garantir prezos dignos polo seu traballo para as 215 gandeiras e gandeiros que a conforman.
Nesta entrevista, o xerente da cooperativa, Román Sánchez, destaca a importancia desta “Gandería Heroica”que poñen en valor as condicións e o traballo dos gandeiros e gandeiras de montaña. “Gandería Heroica é facer a transhumancia, onde as nosas gandeiras e gandeiros levan as vacas dun punto ao outro dos Ancares durante travesías de máis dun día; tamén é recoller a herba en pendentes de máis dun 15%; ou coidar as vacas co cariño diario das nosas socias e socios”, explica.