InicioEconomíaA primeira muller Guía Oficial de Galicia con oficina en Lugo

A primeira muller Guía Oficial de Galicia con oficina en Lugo

Lidia de la Fuente emprende na Tinería un proxecto co que agregar e diversificar as opcións do sector turismo alén da cidade

PUBLICADA O

- Advertisement -

Leva tres anos dándolle forma a este proxecto, que compaxina con visitas guiadas, excursións, e o acompañamento dos peregrinos a través do Camiño. Lidia de la Fuente, primeira muller Guía Oficial de Galicia que abre oficina en Lugo, quere darse a coñecer pola creación de sinerxias e a profesionalización do sector turismo e cultura.

“Este é un primeiro paso moi importante”. Lidia recibiu as chaves dun dos oito locais comerciais que nos vindeiros meses comezarán a súa actividade na Tinería. “Hai uns meses non contaba con esto para nada”. No CEI Nodus recibiu o impulso definitivo, rexistrando a marca comercial Camiños con Arte e desenvolvendo a páxina web, na que ofrece os seus servizos como Guía en diferentes idiomas, fundamentalmente en inglés e alemán, para os que está habilitada.

Durante o Coworking do Centro de Empresas recoñece que aprendeu “moito a nivel de xestión empresarial”, algo do que adolecía logo de estudar Turismo e Humanidades. Deste xeito consguiu dar visibilidade a esta iniciativa, que aspira a ser un “punto de referencia” para toda a xente que queira visitar Lugo e o resto de Galicia. “Dende aquí poden contratar os meus produtos, de forma directa, ou contactar con outros empresarios das cidades galegas que se axusten ás necesidades”.

Sinerxias

Lidia de la Fuente | Óscar Bernárdez
Lidia de la Fuente explica o seu proxecto no CEI Nodus | Óscar Bernárdez

No local de Recanto do Miño exporá información da rede de guías turísticas coas que colabora habitualmente, da que o 80 por cento son mulleres; así como doutras empresas da cidade, coma Recados Lugo ou Vinissi, adicadas á acollida do peregrino, consignas, aventura, aluguer de bicicletas, enoturismo, gastronomía, e como non, aloxamento dentro e fóra do centro histórico de Lugo.

A perspectiva de futuro pasa por contar con unha compañeira Guía Oficial que colabore na atención ao público e no resto de actividades. A segunda planta do inmoble servirá para atender a profesionais de axencias, turoperadores e outras iniciativas coas que crear sinerxias.

Este aspecto é a pedra angular do negocio. A impulsora de Camiños con Arte explica que a confluencia de empresas turísticas é imprescindible, como quedou patente no obradoiro de internacionalización organizado na cidade amurallada polo Clúster de Turismo de Galicia. “Asistiron profesionais que deben traballar xuntos, en conxunto coa administración, para posicionar a Lugo como destino turístico de calidade”. A idea é aumentar o volume de visitantes, mais respectando o perfil cultural, con interese polo patrimonio artístico e o medio ambiente. “Para que perdure, haino que coñecer e respectar”.

Explica Lidia que “convidará” a todas as empresas do sector, “porque aquí teñen a súa casa”, para “traballar todos na mesma dirección”. Observa que a información turística está dispersa, o que complica as perspectivas de lugares con menor proxección internacional, coma a Terra Chá ou A Ulloa. “Se lograra pór en orde todo o que temos… as iniciativas dispersas non chegan á xente”. “Hai que aproveitar o que xa existe, comunicalo mellor”, insiste.

Neste proceso é preciso ampliar as miras e aumentar o contacto con outros sectores, incluso “aqueles que a priori non teñen nada que ver”. Lidia menciona o caso do turismo agrogandeiro. “Teño realizadas visitas guiadas a holandeses que viñan a Galicia a visitar granxas exclusivamente, e a maiores visitar a cidade de Lugo. Iso existe”. Un dos primeiros nexos que podería agromar é o da cosmética ecolóxica Muuhlloa.

Profesionalización

Un dos problemas históricos do sector turístico é o intrusismo, polo que a profesionalización ten que ser “un dos piares” do novo modelo. “Se Lugo se posiciona como destino de calidade, revertirá na cidade”. Para iso cómpre mellorar a atención nos aloxamentos, restaurantes e demáis establecementos vencellados. A cidade ten que manter os “principais activos”, a hospitalidade e a boa materia prima, combinados cos atractivos da contorna, as termas, o enoturismo, o reclamo natural da Reserva da Biosfera Terras do Miño. “Para incrementar o gasto, a xente ten que quedar máis tempo”.

O Camiño

Galicia ten unha cita en 2021 co Xacobeo, e Lugo non debe deixar pasar esa oportunidade. Lidia recolle o coñecemento do arqueólogo lucense Javier Gómez Vila, que investigou a Vía Künig, variante do Camiño Francés que dende O Cebreiro desvíase 15 quilómetros para visitar Lugo. “De cara ao mercado alemán, que traballo bastante, é interesante potenciar esta variante; de cara aos vindeiros anos vaise facer moito pulo nesta dirección”.

E despois está o contexto do Camiño Primitivo, “o orixinal”, aquel que fixo Afonso II o Casto tralo descubrimento do sepulcro atribuído ao Apóstolo Santiago. “Para quen queira coñecer a verdadeira esencia, que quere paz e natureza, o Camiño Primitivo é ideal”. No século IX, o dominio dos musulmáns sobre a Península implicaba que os percorridos do norte eran máis seguros. Co traslado da capital do reino de Oviedo a León “comeza a potenciarse o que hoxe coñecemos por Camiño Francés”.

A masificación do Camiño Francés, xunto co feito de que os preregrinos soen repetir en busca doutras rutas, pode supor unha ventá para o Camiño Primitivo, declarado Patrimonio da Humanidade en 2015. A afluencia de peregrinos pola ruta orixinal incrementouse notablemente dende que Lidia comezou a traballar na atención aos visitantes, co Xacobeo 2004, o mesmo que o tempo de estancia na capital da provincia. “Entón, a xente preguntábame que podía visitar en Lugo durante dúas horas. Agora a xente queda en Lugo como base para visitar outros sitios. A xente que vemos pola rúa está comezando a pernoctar”.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...