InicioEconomíaLara Méndez: “Se non aproveitamos o momento, Lugo pode perder unha oportunidade...

Lara Méndez: “Se non aproveitamos o momento, Lugo pode perder unha oportunidade única que non terá en anos”

Lara Méndez é a alcaldesa de Lugo ademais de vicepresidenta do Eixo Atlántico. Está plenamente convencida da necesidade de infraestruturas modernas que conecten Galicia e o Noroeste con Europa e o resto do Estado. Considera a oportunidade dos fondos europeos como única, un momento que non se debe desaproveitar, porque as consecuencias serían un illamento do que se tardaría moito tempo en saír.

PUBLICADA O

- Advertisement -

-Logo da reunión entre o Eixo Atlántico, Xunta, FEGAMP e CES, ve posible intensificar os traballos para investir no noroeste?
Un dos obxectivos desa reunión era buscar esas sinerxías, esa unidade, para defender as infraestruturas do Atlántico, e máis concretamente de Galicia e Portugal que me afecta máis como Eixo Atlántico. Sobre esas infraestruturas direi que levamos anos reinvindicándoas porque existe unha realidade, termos un déficit de investimentos en ferrocarril e infraestruturas viarias tamén. Mais o principal son as comunicacións ferroviarias, das que temos un gran déficit tanto dentro da nosa comunidade como das nosas cidades e do Norte de Portugal. Todo isto é o que reivindicamos mesmo desde cando eu xa formaba parte do Eixo como vicepresidenta da Deputación.

-Cambiou algo desde aqueles primeiros anos?
As necesidades daquel momento eran as mesmas. Que temos agora? Pois temos a oportunidade de poder aproveitar eses fondos europeos para viarios puntos como a conexión Coruña, Lugo, Monforte. Agora mesmo non é posible, porque para modificar ou ampliar o documento tería que ser a partir do ano 2023.

-Como se perfilaría o investimento deses fondos europeos?
Buscamos algo similar ao que fan no corredor do Mediterráneo. Non queremos ir en detrimento de ningunha outra infraestrutura. No Mediterráneo existe un lobby con administracións e un importante tecido empresarial, porque son os grandes beneficiarios das infraestruturas e do tecido social. Todo isto é o que nós buscamos desde o Eixo, por exemplo co CES e a súa implicación, é dicir, abrirnos para que se sumen as diferentes administracións e a FEGAMP, para que se unan concellos que non están no Eixo, mais si necesitan destas infraestruturas. O resultado sería unha suma de intereses comúns que temos para Galicia.

O principal son as comunicacións ferroviarias, das que temos un gran déficit tanto dentro da nosa comunidade como das nosas cidades

-Trasladáronlle ao Goberno central todas estas previsións e necesidades para a zona atlántica?
O Goberno central trasladounos a folla de ruta que teñen prevista nos orzamentos. Esa folla de ruta afecta tamén á electrificación de Ourense e Lugo, onde o investimento será unha forte aposta por unhas comunicacións e outros elementos que consideramos deberan estar feitas hai moito tempo. Falamos de modernizar unhas comunicacións por onde poidan circular trens de alta velocidade. Se isto non se fai, quedaremos á marxe. As propias intermodais das sete grandes cidades aínda están en proxecto. Isto demostra un déficit en vías de comunicación. Non obstante, o Goberno central aposta decididamente pola modernización das vías e polas intermodais.

-Fixeron un cálculo sobre a canditade de viaxeiros e mercadorías que poden pasar pola futura intermodal de Lugo?
Agora mesmo as cifras son baixas con respecto ás que todos desexariamos. Estamos nese círculo vicioso de se non hai pasaxeiros é porque non hai servizos e viceversa. Necesitamos servizos competitivos, porque ao final falamos de comunicarnos coa Meseta e coa capital do Estado, falamos de tempos para cuestións laborais e de actos ou eventos. Por tanto, canto menos tempo mellor, mais se falamos de cinco minutos arriba ou abaixo nun traxecto de catro horas, non é o asunto. O importante é ter esas comunicacións e garantir que sexan esas catro horas. E isto nas dúas vertentes, pasaxeiros e mercadorías.

O Goberno central aposta decididamente pola modernización das vías e polas intermodais.

-Todo este movemento de persoas e obxectos, como cre que pode modificar a fisonomía da cidade de Lugo?
Creo que se non aproveitamos agora o momento, Lugo perderá unha oportunidade única, e o máis doloroso, ao mellor non volve ter esta oportunidade en moitísimos anos, se a volve a ter. Por que? Porque se quedamos fóra económica e socialmente, cando ademais hai fondos, se xa hai infraestruturas creadas e nós non a temos, evidentemente despois terá un custe máis alto e será será máis complicado recoller investimentos tanto para Lugo como para o noroeste. Non podemos deixar illada unha zona tan ampla, iso sería a ruína de todo ese territorio. Iso obrigaría a moita xente que quería facer a súa vida en Lugo, abandone o lugar por falta de estímulo e de crear oportunidades. Todo isto, sen ir en detrimento doutras áreas.

-Ten noticias sobre as conversas entre Xunta e Adif polas zonas comúns da intermodal de Lugo?
Teño noticias das conversas que temos desde o Concello con Adif que é o que me compete. Sobre as conversas da Xunta, o goberno galego designará os seus interlocutores e serán eles quen falen sobre ese punto.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...