InicioEconomíaCentos de persoas maniféstanse en Lugo ao berro de "Alcoa sálvase loitando"

Centos de persoas maniféstanse en Lugo ao berro de “Alcoa sálvase loitando”

O 15 de xaneiro celebrarase a mesa de seguimento de Alcoa-San Cibrao.

PUBLICADA O

- Advertisement -

‘Alcoa sálvase loitando’ foi a consigna máis repetida este sábado na concentración fronte á subdelegación do Goberno en Lugo para reivindicar a continuidade da planta de Alcoa en San Cibrao.

Ás doce do mediodía, máis de medio milleiro de persoas reuníanse fronte á institución para esixir unha “solución” ao problema da industria de aluminio da provincia.

‘Enerxía solución’ ou ‘Se isto non se arranxa, guerra, guerra’, foron outros dos lemas coreados da concentración, na que políticos de distinto signo mostraron o seu apoio ao comité de empresa, aos traballadores e a moitos centos de persoas procedentes da Mariña de Lugo.

Practicamente todos os concellos da zona fretaron autobuses para participar na concentración. Alí, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explicou que “a marcha máis forte” está prevista para realizarse “tamén en Lugo” e ante o Congreso dos Deputados.

“Hai que ir paso a paso. Esta semana vai ser moi importante”, engadiu. Para o luns está marcada unha reunión de especial importancia co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Para o mércores trasladaranse ata o Congreso dos Deputados, onde reclamarán a “todos os grupos que escoiten á Mariña, a Lugo e o que podería supor perder o 30 por cento do PIB da provincia” se se acaba “cunha fábrica como Alcoa”.

PREZOS COMPETENTES

Zan tamén lembrou que “esta semana empeza a poxa de interrumpibilidade”, sobre a que esperan que “haxa unha rectificación por parte do Goberno e se poñan medios para emendar os 35 millóns de euros que lle acaban de meter de sobrecusto á planta de San Cibrao e ás electrointensivas de toda España”.

O sindicalista de Comisións Obreiras (CC.OO.) confirmou que hoxe se entregaría á subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, un documento “esixindo a apertura urxente da mesa por Alcoa que prometeu a ministra” de Industria, Reyes Maroto, “o día que foi a San Cibrao”.

“Este documento é algo importante, pero non deberiamos estar ao entregar porque a ministra prometeu que en quince días teriamos aberta a mesa e levamos dous meses de espera” destacou. “Necesitamos esa mesa e necesitamos que se nos aclare a canto queren deixar o megawatt, non estamos a pedir que nolo poñan máis barato que en Alemaña ou Francia, estamos a pedir que nolo poñan equiparable para poder competir“. O prezo actual de “30 euros o megawatt de potencia” non permite esta competencia, asegurou.

SITUACIÓN CRÍTICA

Na concentración, os traballadores estiveron acompañados por moitos alcaldes da Mariña, como o de Cervo (concello sobre o que se asenta a factoría), Alfonso Villares. El chamou a atención sobre a “situación, cada vez máis critica”. “Pasa o tempo e levamos ano e medio sen solucionar o problema de Alcoa e cada semana todo é máis perigoso”, engadiu.

Yolanda Díaz acudía como representante de Unidas Podemos, xunto ao secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino. A ferrolá puntualizaba “o tempo” que levan traballando en defensa da produción de aluminio primario no país. “Este é o único centro de España que produce aluminio primario, por tanto existe moitísima preocupación e insistimos en que o Goberno ten que actuar con man dura fronte Alcoa dunha vez por todas”.

Ademais, Díaz criticou que a empresa se “desentenda completamente do país”. No entanto, reclama un estatuto electrointensivo que permita “ter prezos na industria que sexan competitivos”. “É imposible producir aluminio primario cos prezos que ten España”, advertiu.

POSTOS DE TRABALLO EN XOGO

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apuntou á posibilidade dunha folga xeral en Galicia ante os escenarios de crises da industria galega, con Alcoa ou Endesa en risco. De todos os xeitos, matizaba que é “unha decisión que corresponde aos sindicatos” e en todo caso hai que prestar atención aos “miles de postos de traballo en xogo nas industrias electrointensivas pero tamén no sector enerxético”.

Por todo, non se pode permanecer “cos brazos cruzados”, sinalou Pontón. Esixe que a Xunta e o Goberno central estean “á altura das circunstancias”, pero “ata agora o que temos é a un presidente da Xunta incapaz de pór unha solución que só busca botar balóns fóra” e un Goberno estatal que parece “ignorar cal é a situación tan complicada da industria galega”, sentenciaba.

Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, reclamou “pór enriba da mesa” que as negociacións para a formación dun novo Goberno tamén contemplen “un estatuto para as electrointensivas”.

Dos socialistas acudiron á concentración, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da deputación, José Tomé, así como outros rexedores da provincia. Méndez pechaba a quenda de intervencións e mostrou o seu apoio á “continuidade de Alcoa”. “Moitas grazas a todos, benvidos a Lugo e Alcoa non se pecha”, concluíu finalmente a alcaldesa.

MESA

A mesa de seguimento sobre a planta de Alcoa en San Cibrao está convocada para o próximo 15 xaneiro, día no que se reunirán os representantes dos traballadores, o secretario xeral de Industria e a Pequena e Mediana Empresa do Ministerio de Industria, Raúl Branco.

Celebrarase na sede da subdelegación do Goberno en Lugo. De feito, foi a representante do Executivo na provincia, Isabel Rodríguez, a que comunicou a noticia ao comité de empresa este sábado, na reunión que mantiveron tras a concentración que reuniu a máis de 500 persoas en Lugo.

Alí, Rodríguez reiterou o seu “apoio” ás demandas do comité e manifestou que comprende e comparte a súa “preocupación” e a de “todos os veciños e veciñas da comarca da Mariña” polo futuro da factoría.

Por este motivo, a subdelegada insistiu tamén na “urxencia de formar Goberno para aprobar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo”, que se presentaría como unha solución para dar continuidade á planta de aluminio e aprobarase “axiña que como se constitúa o novo Executivo”.

Mentres tanto, Isabel Rodríguez lembrou que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo busca “alternativas” para reducir o prezo da electricidade, co incremento das subvencións dos custos de CO2 ata os máximos permitidos pola Unión Europea.

En total, as axudas do Goberno de España á industria galega pola emisión do CO2 ascenden os 42,2 millóns de euros, un 25% do total de subvencións concedidas a este sector a nivel estatal.

ÚLTIMAS

Greenfiber reitera que Altri “non cambiará as condicións do Ulla” e alega que o estudo de Ence “non está actualizado”

Greenfiber, formada pola enerxética Greenalia e a multinacional lusa Altri, reiterou este martes que...

Falece no hospital un home de 92 anos que sufriu unha caída por un terraplén na Fonsagrada o domingo

Un home de 92 anos faleceu na madrugada deste martes no Hospital Lucus Augusti...

Ángel Pérez, aos seus 28 anos, perfílase para substituír a María José Gómez na alcaldía de Guntín

Ángel Pérez, concelleiro de Deportes de Guntín, perfílase para substituír a María José Gómez...

O BNG denuncia a situación da sanidade pública na Fonsagrada: atención telemática a maiores e prazas sen cubrir

A deputada do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, presentou unha serie de iniciativas para denunciar a situación...