O Club Deportivo Lugo perdeu ante o Rayo Vallecano (1-0) na penúltima xornada de La Liga 1|2|3. Con este resultados, os vallecanos ascenden a Primeira División. Os lucenses competiron con personalidade e crearon ocasións dabondo para poder sumar algún punto.
Os primeiros intres foron de dominio do Rayo, buscando con verticalidade a portería do lucense Roberto Fernández. Xa no minuto 2, Adrián Embarba tivo a primeira ocasión dende fóra do área. Un minuto despois, Bebé golpeou dende lonxe e Roberto detivo con seguridade. No minuto 4, Dani Escriche, sempre activo, foi o protagonista da primeira alternativa albivermella. No entanto, o Rayo volveu crear perigo cun centro lateral de Baiano que Raúl de Tomás, despois de impoñerse aos centrais, cabeceou, e Roberto rexeitou de puños. As chegadas, non excesivamente claras, continuaban a chegar. Así, sucesivamente, Bebé, de Tomás e Óscar Trejo voltaban a tentar acadar o 1-0 antes do cuarto de hora.
Ocasión de Vasyl Kravets
Chegado o cuarto de hora, un centro de Antonio Campillo, ex do filial do Rayo, centraba dende banda dereita e Vasyl Kravets, sempre ofensivo, cabeceaba picado e axustado ao primeiro pau, mais Alberto García rexeitou de xeito decisivo. Cinco minutos despois, Raúl de Tomás cabeceaba alto un coiro centrado por Fran Beltrán. O Lugo tiña a posesión, pero o Rayo chegaba con máis frecuencia. Bebé volveuno tentar coa súa especialidade: disparo lonxano. Jaime Romero, bastante activo, cabeceou lixeiramente fóra un centro de Sergio Gil pasada a media hora. Apenas un minuto antes do 1-0, Iriome tiña a opción do 0-1 cun cabezazo alto. No minuto 39, chegou o, á postre, gol decisivo: Álvaro Lemos despístase nun saque de banda, Óscar Trejo saca veloz e Álex Moreno golpea de xeito potente e cruzado firmando o 1-0. Instantes despois, Jaime Romero lanzou unha falta directa fermosísima que golpeou a escadra dereita de Alberto García. O Lugo acariciaba un empate que, a bo seguro, mereceu.
Na segunda metade, o Lugo dominou o partido ante un Rayo que tentaba golpear en contragolpes. No minuto 52, Iriome recibe un balón de Carlos Pita, achégase ao área coa súa magnífica zancada, recurta e golpea coa perna esquerda, a súa perna menos hábil, alto por riba do longueiro. Catro minutos despois, Trejo firmou a primeira opción do Rayo na segunda parte despois dun recurte a Pita e golpeo de zurda, pero Roberto non chega a vencerse e desvía providencialmente. Pasaban os minutos cun Lugo dominante, pero sen excesiva profundidade. No minuto 69, Unai López asiste a Bebé, que remata alto. No minuto 73, Emiliano Armenteros cabecea dentro do área un centro de Adrián Embarba e a defensa albivermella rexeita.
Adrià Carmona, de voltá á competición
No minuto 81, Adrià Carmona, que volveu competir hoxe por vez primeira dende o 30 de outubro de 2016 por diferentes lesións, disparaba dende a frontal do área, pero o balón foi rexeitado pola zaga local. Catro minutos despois, Embarba buscaba o 2-0 e Roberto, protagonista na segunda metade, volvía blocar. No minuto 89, Embarba disparaba dende fóra do área tras un pase de Armenteros e Roberto desviaba para que José Carlos chegase atento ao rexeite para despexar. O Lugo buscou a igualada até o final, pero finalmente o Rayo firmou unha vitoria que supón o seu ascenso a Primeira dous anos despois do descenso.
400 partidos de Roberto
O porteiro lucense Roberto Fernández cumpriu hoxe 400 partidos coma profesional entre Primeira División, Segunda e Copa do Rei. Tamén xogou 35 partidos en Segunda División co filial do R.C. Celta de Vigo na tempada 2001-2002.
Foto de laliga.es