O Club Deportivo Lugo empatou sen goles (0-0) ante un Real Sporting de Gijón que creou as principais ocasións na primeira metade. No comezo da segunda, Cristian Herrera e Dani Escriche tiveron claras ocasións, pero non as aproveitaron. O porteiro local Juan Carlos Martín foi clave cun paradón no minuto 58, xa na segunda metade, nunha falta directa botada por Carlos Carmona.
Aos dous minutos, Jean-Sylvain Claude “Babin”, central visitante, puido adiantar aos sportinguistas cun testarazo desviado entre o pau e Juan Carlos Martín despois dun saque de esquina botado por Carlos Carmona. Os lucenses seguen a sofrer nos balóns parados. O Lugo respondeu no minuto a 7 cun disparo lonxano de Juan Muñiz que desviou a saque de esquina o gardamallas vigués Diego Mariño, porteiro do Sporting. No minuto 34, nova ocasión asturiana cun taconazo do central Mathieu Peybernes que desviou Juan Carlos Martín.
Comezaron moito mellor os lucenses na segunda metade. Nos primeiros catro minutos, unha clara ocasión de Cristian Herrera, que controla cando tiña marxe para seguir conducindo e o seu disparo marchou alto. Intres despois, cabalgada de Dani Escriche que remata cun man a man ante Diego Mariño que desvía o porteiro visitante. E, minutos despois, centro de Juan Muñiz que non rematou con eficacia Iriome, novamente titular tras ser baixa na pasada xornada e que sempre amosa a súa verticalidade. José Alberto López decidía introducir a Pablo Pérez e o Sporting gañou presenza. No minuto 58, paradón de Juan Carlos Martín a unha falta directa lanzada por Carlos Carmona, principal xerador do Sporting. Até o final, dominio alterno cun principal debe nos dos equipos: dificultades na finalización.
Miguel Vieira e “Josete” Malagón serán baixas por sanción na visita ao R.C. Deportivo da Coruña no estadio de Riazor o domingo 6 de xaneiro a partir das 17:30 horas.