InicioDeportesEmevé Lugo: “A esencia deste club é a base”

Emevé Lugo: “A esencia deste club é a base”

Bibí Bouza é a presidenta do Club Voleibol Emevé Lugo. Un club de canteira. O equipo sénior feminino ascendeu á máxima categoría, á Superliga, e o masculino foi campión da Copa Princesa. Responde directa e convincente. Explica as dificultades económicas e realiza un alegato a favor do deporte lucense e do xeito de ser da cidadanía lucense.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O máis mediático foi o ascenso á Superliga do equipo feminino sénior. Que valoración fas da tempada realizada?

A tempada foi espectacular. A planificación foi magnífica por parte dos adestradores, dos preparadores físicos. Que ben nos saíu todo. Fomos campións de Copa Princesa cos mozos, metémonos na fase de ascenso cos mozos; coas mozas, fóra de todo cálculo porque temos un equipo moi noviño e a media de idade é de 21 anos ou, ata, menos. Xogamos a final de Copa Princesa, aínda que non a gañamos, pero estivemos aí. Contra todo pronóstico, metémonos na fase de ascenso. Perderamos contra Madrid Chamberí en Copa Princesa e Liga, pero a nosa preparación física foi superior á delas nos playoffs. Gañámoslles os dous partidos. Estamos, porén, felices e contentos.

O ascenso foi pola derrota de Madrid Chamberí en Elche. O equipo estaba no aeroporto de Palma de Mallorca. Como vivistes esa situación? 

Foi moi gracioso. Elas dependían dese resultado. O seu adestrador é moi serio e ten un xenio moi especial. É moi bo adestrador. El foise a pasear sen móbil. O partido estaba sendo transmitido por Facebook e estaban todas pegadas a un móbil dunha das mozas. Cando gañou Elche, puxéronse a berrar. O adestrador decatouse do ascenso polos berros. A xente tomounas como tolas.

Que valoración fas da reacción do clube, dos afeccionados, do contorna e da cidade?

Foi emocionante. Xa ascenderan en 2014 a Superliga e non houbo ningún tipo de repercusión mediática. Non estaba tan de moda o deporte feminino como está hoxe en día. Estás no sitio adecuado no momento adecuado coa xente adecuada. Isto é o que sucedeu agora. A prensa envorcouse totalmente. Pilloume de sorpresa moi agradable. Sucedíanse as chamadas de teléfono. Eu dicíalles que o mérito non é meu. O mérito é das mozas, do seu esforzo e do adestrador. As mozas son de Lugo. En Lugo, somos xente moi sentida, de vivilo cara a dentro. Este foi o momento de vivilo cara a fóra.

A unidade de xogadoras lucenses foi chave no ascenso á Superliga

Acabades de recibir o premio ao mellor club de base de Galicia. O deporte ten dúas patas: a formación e o rendemento. Ti sempre priorizaches as categorías inferiores. Cal é o futuro do club?

Este club ten unha estrutura piramidal. A esencia deste club é a base. O que nos enorgullece é que a cidadanía de Lugo vexa e valore que todos os investimentos das institucións no club repercuten. A base é a que alimenta. No equipo sénior feminino, temos unha moza de fóra. A xente, cando vén a Lugo e ve como se vive en Lugo, o barato que é, o ambiente, o san que é todo, a xente quédase. Os lucenses somos acolledores. No equipo masculino, hai mozos de fóra. Tres viñeron xogar por referencias, o boca a boca. O voleibol é un mundo pequeno. Saben que en Lugo hai formación. O Emevé promete moi pouco porque non hai máis, pero cúmpreo. Imos seguir tirando da canteira. No equipo feminino, incorporamos dúas cadetes de primeiro ano e dúas de segundo ano. Son nenas moi noviñas.

Como é a situación económica de cara á inscrición en Superliga? Que investimento precisades para que o proxecto sexa viable?

A situación económica a día de hoxe é deplorable, patética, tristísima, humillante e estresante. Temos un problema moi serio de liquidez. Por sorte e por desgraza, vivimos das institucións públicas. Apóiannos moito. Non estariamos aquí sen elas. Pero estamos pendentes de cobrar subvencións da tempada 2016-2017. Subsistimos grazas ao préstamos de particulares. Hai un grupo de traballo pensando que o equipo ten que saír en Superliga porque as mozas gañárono e meréceno. Temos que aproveitar o tirón mediático. Precisaríamos 80.000 euros para poder arrincar. Hai desprazamentos ás illas, que é, mínimo, 6.000 euros.

Hai portas abertas? Es optimista? A túa prioridade é que as categorías de base poidan seguir competindo. 

Son optimista porque hai un grupo de persoas que se puxeron a traballar para buscar patrocinadores, axudas. Si a decisión fose miña, non sairiamos. Eles creen no investimento. Eles din que si. Na tempada 2014-15, cos dous equipos en Superliga 2, fíxose un buraco de débeda.

Hai opcións de sinerxias con outros clubs da cidade? Contémplalas a curto, medio ou longo prazo?

Hai un proxecto de colaboración. Parece que se vai a atar dentro de relativamente pouco. A principios de xuño, temos a inscripción dos dous equipos. Si polo equipo de Superliga, teño que dicir que non a participar en calquera campionato de España cun equipo de categoría inferior vou dicir que non. Somos un club de base e debémonos á canteira. Perderiamos a esencia, que é do que máis orgullosa séntome.

A tempada do equipo sénior masculino foi moi positiva sendo campión de Copa Princesa gañando ao anfitrión en Leganés. Como describirías a súa actuación?

Unha tempada moi boa. Viñamos de dous anos de perdelo todo porque apostamos pola canteira. Moitas veces, cando chegas á cúspide e xa non tes por onde avanzar, si iso non calla tes que volver empezar. Non conseguimos manternos en Superliga 1 e os xogadores fóronse a equipos mellores, evidentemente. Este ano, houbo xente que volveu ao club e foi perfecta. Moita conexión dentro do equipo. Fallaron as forzas por desgaste. Moitas horas e moitos días á semana. Nada que dicir.

Agora, estades inmersos no campionato de España infantil masculino. Que perspectivas tedes?

Empezaron onte. Gañaron os dous primeiros partidos da fase. Prácticamente, xa están entre os doce primeiros. Enorgullece máis que nada porque son de Lugo. Hai tres pícaros alevines. Que máis se pode pedir que ir incorporando pícaros de Lugo a un nivel moi bo? Os dous nenos son adestradores do equipo de Superliga. Somos un club circular.

Os nenos ven que é posible chegar. Un club de proximidade.

Iso é fundamental. Os nenos ven e aprenden. Ven que non é imposible chegar a Superliga.

Que mensaxe enviaríaslle aos deportistas do club? 

Aos xogadores diríalles que neste club hai sitio para todos. Un ten un lugar para competir na súa xusta medida. Temos equipo en todas as categorías. É unha mensaxe que repito.

Ás institucións?

Só podo dar as grazas porque realmente están apoiando ao Emevé, tanto a nivel base como de alta competición. É fundamental para subsistir.

Aos medios?

Só podo dar grazas. Estes últimos meses foron espectaculares. Nunca o vivín. Os deportes véndense grazas á promoción mediática. Eu xa sei que o fútbol é o deporte rei, mas tamén hai fútbol feminino e outros deportes. O voleibol é menos mediático porque hai unha atención mediática menor. Nos Xogos Olímpicos, é un pracer porque me encanta ver deportes. Non podemos comparar o deporte masculino e o feminino, pero hai que valoralos. Tanto me gusta un como o outro. Son diferentes. O home é máis espectacular porque o basea na forza, e as mulleres é a continuidade, a habilidade e a tensión que manteñen.

Queres engadir algo máis?

Grazas a todos os que nos estades axudando. Hai que valorar o esforzo das mozas e dos mozos por estar aí. Grazas tamén ao C.B. Breogán e o Club Deportivo Lugo polo seu apoio, o saque de honra e o corredor que nos brindaron.

Foto das canles oficiais de C.V. Emevé

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...