InicioCulturaA Rede Museística presenta o programa didáctico para o curso 26/27

A Rede Museística presenta o programa didáctico para o curso 26/27

A Rede Museística acollerá nos dous vindeiros meses o proxecto expositivo «500 Mulleres na Arte» da artista e investigadora Concha Mayordomo

PUBLICADA O

- Advertisement -

A oferta educativa, con propostas pensadas para as distintas etapas desde Infantil até Bacharelato,  artéllase arredor de tres eixos: os fondos permanentes dos museos provinciais – tanto artísticos como arqueolóxicos-, o aproveitamento didáctico das exposicións temporais – que permitirá incorporar novas propostas  cada trimestre – e  os recursos da plataforma virtual Museo da Migración da RMPL.

A deputada de Cultura Iria Castro,  a xerente da Rede Museística Encarna Lago ea directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro  presentaron o catálogo de actividades na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos,  coincidindo coa montaxe da exposición “500 Mulleres na arte”  de Concha Mayordomo que centrará parte das propostas didácticas para este primeiro trimestre.

Iria Castro subliñou “o importante traballo que realiza a Rede Museística ano tras ano para crear vínculos coa comunidade educativa e ofrecer propostas e materiais que relacionan as coleccións e espazos do museo coa súa propia vida e procesos de aprendizaxe, e que contribúen tamén a sensibilizar na conservación do patrimonio e da memoria”.

Encarna Lago resumiu  a premisa que inspira o novo catálogo educativo, que sitúa os museos como “espazos de polinización cultural, educativa e social”, nos que adquirir “coñecementos e experiencias que reforcen a comunidade e favorezan a diversidade cultural”. “Esta programación non pretende ensinar unicamente que é unha peza arqueolóxica, quen pintou un cadro ou en que século foi creado un determinado obxecto. Queremos ir máis alá. Que unha peza nos leve a unha persoa; que unha persoa nos leve a unha historia; que unha historia nos leve ao territorio; e que o territorio nos leve a nós mesmos e á responsabilidade de coidalo”, expuxo.

Os simbolismos e significados da cor, a evolución das técnicas pictóricas, a historia da medición do tempo, procesos naturais como a polinización, a Romanización, a evolución da sociedade lucense ao longo do século XX, as desigualdades sociais e de xénero, as migracions ou acontecementos históricos como as Revoltas Irmandiñas son algúns dos contidos en que o estudantado poderá afondar a través das propostas didácticas, flexibles e adaptables ás necesidades dos grupos, incorporando diferentes linguaxes, ritmos, capacidades e formas de relación co patrimonio.

O catálogo completo está dispoñible en www.comunidadermpl.es. Poden realizarse consultas e concertacións no enderezo electrónico  concertacionsrmp@gmail.com

Inauguración da exposición 500 Mulleres na arte

A Rede Museística acollerá nos dous vindeiros meses o proxecto expositivo «500 Mulleres na Arte» da artista e investigadora Concha Mayordomo. A mostra, que se inaugura o vindeiro 2 de setembro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, reúne medio milleiro de debuxos de creadoras, téoricas, mecenas e xestoras de distintas etapas históricas, acompañados de cadanseu código QR con acceso ás súas biografias.

O proxecto constitúe unha achega historiográfica orientada a contribuír á corrección do nesgo de xénero no ámbito das Belas Artes, así como á recuperación da memoria de creadoras que, tras acadar recoñecemento na súa época, foron omitidas polos canons académicos tradicionais. Deste xeito, a proposta achega un recurso de referencia para a investigación na historia da arte contemporánea e os estudos de xénero.

Trala súa itinerancia por diferentes puntos do territorio estatal, a exposición preséntase nos centros da Rede Museística Provincial para achegar ao público este fondo documental e promover o recoñecemento das mulleres na historia da arte.

A proposta, que se insire no programa de actividades conmemorativas do 20º aniversario da Rede Museística. afonda no compromiso institucional co apoio á creación artística feminina.

+ posts

ÚLTIMAS

Unha colisión entre unha furgoneta e un camión deixa un ferido atrapado en Castro de Rei

O condutor dunha furgoneta resultou ferido este venres nun accidente de tráfico rexistrado na...

Candia recibe o Cónsul Xeral de Portugal en Galicia para abordar novas vías de colaboración con Lugo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Turismo e Museos, recibiu...

O antigo colexio do Sagrado Corazón xa é dos lucenses trala sinatura hoxe da acta de expropiación

O antigo colexio do Sagrado Corazón volve ser desde hoxe dos lucenses. Desde as...

Lugo formaliza a ocupación dos terreos para o novo centro de saúde do Sagrado Corazón

O proxecto para construír o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, en Lugo,...