A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares celebra o vindeiro domingo -9 de agosto- a vixésimo primeira edición súa Festa Artesanal, coa colaboracion da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A área de Cultura apoia un ano máis a organización desta cita que pon en valor os oficios tradicionais e o traballo artesón ao tempo que reivindica o valor patrimonial do mosteiro, erixido na segunda metade do século IX.
Na contorna do mosteiro instálase a feira de artesanía que abrirá ás 11.00 horas e que acollerá unha vintena de demostracións de oficios tradicionais e artesáns – forxa, cantería, talla e torneado de madeira, resina, pirogravado, coiro, cestería, cerámica, xoiería, artesanía en ferro e artesanía textil-. Ademais, haberá postos de venda de produtos da comarca e unha degustación de filloas. Ás 13.30 terá lugar a lectura do pregón, a cargo do poeta Xulio López Valcárcel.
Non faltará o tradicional xantar de confraternidade, no claustro do mosteiro. A retirada de convites para participar no xantar pode facerse en Casa Fidalgo, Bar Stop, Parrillada Ó Xeito e Casa Maestro de Matei ata o 8 de agosto.
Na presentación, xunto a representantes da Asociación, o vicepresidente da Deputación animou “a aproveitar a xornada para achegarse a Ferreira de Pallares e coñecer o conxunto monástico e o seu entorno, nun ambiente festivo que reivindica os oficios artesáns e os produtos da zona. Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo chamamos continuamente a sentirnos orgullosas e orgullosos do propio, do idioma, da cultura, do patrimonio, e tamén da artesanía, que forma parte das nosas sinais de identidade”
Certame de Investigación Condado de Pallares
Ademais de colaborar na organización da Festa Artesanal, a área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a convocatoria do Certame de Investigación Condado de Pallares, promovido tamén pola Asociación para fomentar a investigación nos ámbitos da linguística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía e o folclore no territorio que conformaba o antigo Condado de Pallares, entre os concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo. As persoas interesadas en participar poden achegar os seus traballos de investigación, escritos orixinais e inéditos en lingua galega, ata o 30 de setembro.
