A Fortaleza Museo de San Paio de Narla acolleu este martes a primeira das xornadas “Cultura que dá luz. A gastronomía desde o prisma da Rede Museística Provincial de Lugo: patrimonio, sociedade e paisaxe cultural”, que profundizan na relación entre gastronomía e patrimonio.
A configuración e a museografía da fortaleza, cunha estancia que conta cunha lareira e un forno e na que se expoñen pezas de mobiliario e menaxe de diferentes etapas históricas, e o arquivo do Pazo de Tor, que conserva un recetario propio, inspiraron este encontro no que participaron profesionais do ámbito gastronómico, académico e cultural como as cociñeiras Lucía Freitas e Montse Castiñeira, a produtora Chelo López, a responsable da Cátedra do Pan e do Cereal da USC Ángeles Romero ou a divulgadora Eva Cabanelas.
O encontro comezou cunha degustación de pratos elaborados por Lucía Freitas, Alex Iglesias e Marcos Arufe a partir do receitario de Tor: lingua á escarlata, capón e cabrito asados ao espeto, gazpacho andaluz, empanadillas de carne,xamón en doce, torta de millo e doce de laranxa que as persoas asistentes puideron probar en petiscos, ao tempo que se expoñía a orixe dos ingredientes e técnicas de cada receita.
A xornada continuou cunha mesa redonda baixo o epígrafe “ As mans invisibles: A muller na construción da identidade gastronómica, na que as ponentes expuxeron as súas reflexións sobre a invisibilización histórica das mulleres no recoñecemento público da gastronomía fronte ao lugar central das mulleres na cociña no ámbito doméstico ou na transmisión de receitas. A mesa concluíu cunha dinámica participativa na que o público, máis de 60 persoas que asistiron á xornada, compartiron testemuñas orais e receitas tradicionais.
A deputada Iria Castro destacou “a boa acollida das xornadas” e valorou “a contribución destas inicaitivas a achegar os museos ao público xeral e a proxectar unha reflexión máis complexa, ampla e inclusiva sobre a memoria e o patrimonio da que adoitamos ver nestes espazos”.
Mércores, segundo encontro en Tor
As xornadas continúan este mércores no Museo Pazo de Tor cun novo encontro baixo o epígrafe “ Desigualdade e memoria. A comida como marcador de clase social ao longo da historia”, que afondará na relación entre gastronomía e estruturas sociais e na influencia dos fluxos migratorios na nosa cultura alimentaria.
O historiador e escritor Xavier Castro, o xornalista gastronómico Miguel Vila Pernas, a xornalista especializada en cultura, feminismo e gastronomía Maria Arranz, os cociñeiros Marcos Arufe e Begoña Vázquez ou a viticultora Esther Teixeiro participarán no encontro, que tamén contará cunha degustación centrada en identificar alimentos e receitas en tres realidades sociais diferenciadas: a mesa pacega (carne de caza, viño, especias), a mesa popular rural (caldo, centeo, pataca) e a mesa da inmigración (millo, azucre,café).
