A Vicepresidencia da Deputación de Lugo aproba cun orzamento de 380.000 euros as bases para a convocatoria de axudas para o tecido cultural de base. A Xunta de Goberno aceptou este venres o procedemento que permitirá as entidades culturais desenvolver actividades culturais e mellorar os locais.
Trátase de dúas liñas de axuda, unha destinada á organización de actividades de promoción e dinamización cultural, cun importe de 255.000 euros, e outra dirixida a financiar investimentos en instalacións e equipamento nos seus locais sociais, de 125.000 euros.
A deputada de Cultura Iria Castro destacou que “este ano mantemos o orzamento da última edición, o que permitirá continuar reforzando o apoio ás asociacións culturais de base, na súa maioría colectivos pequenos que se sosteñen grazas á implicación desinteresada de persoas preocupadas pola cultural, pola lingua e o patrimonio e que cumpren un papel fundamental para garanter o acceso á actividade cultural en todo o territorio”.
Sinalou tamén a importancia destes investimentos que permiten que “os colectivos do rural programen actividades e impulsen tamén estudos, investigacións e iniciativas de posta en valor do patrimonio local”. As bases publicaranse no Eoletín Oficial da Provincia nas vindeiras semanas, abríndose daquela o prazo para facer as solicitudes.
XUVENLUGO
Ademais, este luns presentouse no Pazo de San Marcos unha nova edición do espazo de ocio infantil e xuvenil XuvenLugo, que o vindeiro 5 de decembro abrirá ás portas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo co apoio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo.
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro, a deputada de Cultura Iria Castro, o tenente alcalde de Lugo Rubén Arroxo, a concelleira de Cultura Maite Ferreiro e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos Rubén López adiantaron as datas de apertura e novidades que presenta esta nova edición do evento, no que se agarda a visita dunhas 20.000 persoas desde esta ponte de decembro ata despois de Reis.
A deputada de Cultura Iria Castro convidou “a familias e rapazada de todas as comarcas a desfrutar deste espazo de ocio co que colaboramos desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e que amplía as opcións de lecer para as nenas e nenos nuns días de moita ilusión”, ao tempo que puxo en valor a “oportunidade que XuvenLugo ofrece de gozar do tempo libre en espazos comúns e compartidos”.
VESTIARIOS PARA O ANEXO
Tamén o vicepresidente da Deputacíon de Lugo Efrén Castro presentou este xoves o proxecto para dotar de vestiarios o Anexo, onde adestran e xogan os clubs de baloncesto base da cidade de Lugo.
A obra consiste en acondicionar un espazo na planta baixa do Pazo -situado por baixo da grada norte – como zona de aseos e vestiarios – femininos e masculinos- , para uso propio das usuarias e usuarios do Anexo. A dotación contará cunha zona de aseos e outra, contigua, na que se ubicarán as taquillas e bancos e as duchas , comúns (6) e individuais en cabina (3).
