InicioCulturaUn equipo do Campus Terra lidera a investigación internacional contra as toxinas...

Un equipo do Campus Terra lidera a investigación internacional contra as toxinas alimentarias

O equipo de Luis Botana, con sede no Campus Terra de Lugo, coordina o consorcio ocupado de identificar e eliminar as toxinas emerxentes

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Campus Terra segue a sacar proveito das vantaxes diferenciais en eidos de alta especialización. Un deles é o Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, ubicado na Facultade de Veterinaria. Nel opera o grupo Farmatox, á fronte da investigación internacional en identificación e eliminación de toxinas alimentarias. 

O proxecto europeo Agritox ten o respaldo dun consorcio ao que en xaneiro engádese este equipo de Lugo, coordinado polo catedrático Luis Botana. Colaborarán con universidades, centros de investigación e empresas, entre elas a Queens University (Irlanda do Norte), TEAGASC (Irlanda), a Axencia Nacional de Seguridad Alimentaria de Francia, na Bretaña, o laboratorio Cifga (Lugo), a Estación Fitopatolóxica de Areeiro (Pontevedra), xunto coa Facultade de Ciencias de Porto e a cooperativa agrícola Vila do Conde, radicados en Portugal.

O Farmatox –Toxinas mariñas: mecanismos de transdución, usos terapéuticos e métodos de detección– liderará o programa interrexional, cun orzamento de dous millóns de euros. Entre outros fitos nesta liña de investigación, o grupo lucense patentou en colaboración co Nanomag da Universidade de Santiago de Compostela –dirixido por José Rivas– un novo método de destoxificación, completando asemade a identificación de novas toxinas emerxentes. 

Grandes desafíos

O abano de posibilidades que ofrece o proxecto Agritox para a comunidade científica é amplo, pois as micotoxinas son toxinas de fungos que hai nos cereais, e que aparecen en todos os produtos derivados ou relacionados. A capacidade de expansión das micotoxinas é difícil de controlar, ao medraren nos fungos presentes en viños, cervexas, leite, etcétera.

As dificultades para a identificación de toxinas emerxentes débense a que a aparición dunhas ou doutras micotoxinas depende en gran medida da zona xeográfica e, en consecuencia, do clima. O cambio climático, precisa o profesor Botana, é un dos factores que está a favorecer o aumento da presenza deste tipo de toxinas no continente europeo.

A profesora do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Facultade de Veterinaria de Lugo, Amparo Alfonso
A profesora do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Facultade de Veterinaria de Lugo, Amparo Alfonso

Así, estas toxinas afectan a piensos de alimentación animal, compostos que adoitan ter cantidades de micotoxinas de lonxe superiores ás dos alimentos para humanos, sometidos a sistemas de control máis severos. Outro agravante vén dado polo feito de que a inxestión das micotoxinas concentradas nos pensos afectan a calquera especie (pitas, pavos, coellos, porcos, vacas, etc).

Problemas de saúde

A elevada concentración de toxinas emerxentes nos produtos de alimentación para animais está a xerar xa problemas importantes de varios tipos na súa saúde, cunha casuística diversa que vai dende abortos a retrasos no crecmento. Historicamente, as micotoxinas chegaron a ser na Idade Media a segunda causa de morte despois da peste. As doenzas eran tan comúns, e de tal gravidade, que artistas coma Brueghel pintaron obras ao respecto.

Dende a institución lembran o caso dos cadros con referencias ao lume de Santo Antonio, como se denominaba o efecto do corno de centeo, causante de gangrena e perda de extremidades. Suponse que estas toxinas aumentaron o prestixio do Camiño de Santiago, polos casos de xente que se incorporaba á peregrinación e melloraba da doenza, e incluso acadaba a curación, ao deixar de comer alimentos tóxicos.

ÚLTIMAS

Volve o festival decano da música clásica en Galicia: o Festival Cidade de Lugo, do 17 ao 31 de maio

O festival decano da música clásica en Galicia, o Festival Cidade de Lugo, presentou este...

Inspeción sanciona con case 850.000 euros a dúas empresas implicadas na contratación de temporeiros en Begonte

A Inspección de Traballo impuxo sancións que ascenden a case 850.000 euros ás dúas empresas implicadas...

Axentes atopan a un paciente do HULA en pixama polas rúas de Lugo

A Policía Local de Lugo realizou unha serie de actuacións humanitarias co obxectivo de...

O BNG insta á Xunta a actuar “con urxencia” no xulgado de Lugo tras o seu peche por risco de novos derrubes

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento galego Olalla Rodil solicitou á Xunta que actúe "con...