A cidade de Lugo vivirá dende o 23 ao 28 de novembro unha auténtica Semana de Cine coa proxección de 119 filmes en distintos espazos culturais da cidade. A mostra, organizada polo Grupo Cinematográfico Fonmiñá e dirixida por Manuel Curiel, inclúe as homenaxes a Luis Tosar, Benedicta Sánchez e Carmen Correa.
A Semana do Cine de Lugo celebrase despois de ser adiada en setembro, data na que se viña celebrando habitualmente dende hai máis de 40 anos.
119 FILMES EN CINCO SALAS
As películas Sección Oficial proxectaranse no Auditorio Municipal Gustavo Freire, con pases ás 19.00 horas e as 21.00 horas. O Vicerreitorado acollerá as proxeccións das seccións Cine Galego, con 28 filmes, e As curtas tamén son cine, na que participan 35 curtametraxes. No salón de actos do Pazo de San Marcos proxectaranse as catro películas de Cine Documental; mentras que no auditorio do Vello Cárcere se poderá ver o ciclo La Otra Orilla con películas de Arxentina, Chile, Cuba, Colombia, Mexica, Honduras, Brasile e Bolivia. Ademais, na Biblioteca Provincial pasaranse os filmes do ciclo ‘E para comer Lugo’, de temática gastronómica.
A entrada ás proxeccións será de balde, até completar a capacidade das salas, limitada a 30 persoas, de acordo coa normativa sanitaria vixente. O Grupo Fonmiñá habilitou un espazo na web para a reserva online das entradas.
O CINE EXPÁNDESE
Como novidade, e para compensar as limitacións de capacidade impostas pola pandemia, a Semana de Cine de Lugo achegará as proxeccións á sede de Apsnais. O festival sairá de Lugo para ofrecer tamén sesións de cine nas prisións de Bonxe, Monterroso e Teixeiro, unha iniciativa para a que contan coa colaboración da asociación Concepción Arenal e de Institucións PenitenciariasTamén se farán proxeccións nas prisións de Bonxe, Monterroso
HOMENAXES
No capítulo de recoñecementos a lucenses do mundo do cine, a Semana de Cine de Lugo incluirá dous actos de homenaxe: o do actor Luis Tosar -o día 27, no Pazo de San Marcos-, e a actriz Benedicta Sánchez – o día 28, tamén na sede da Deputación – nos que se proxectarán ‘Quen a ferro mata’ e ‘O que arde’.
Ademais, ampliarase o Paseo do Cine, unha iniciativa que se puxo en marcha o ano pasado, con dúas novas placas en homenaxe ao propio Luis Tosar e a Carmen Correa, actriz nada no Queirogal, en Baleira, e que participou no elenco e produción de máis dunha vintena de filmes nos anos 50 e 60.
A área de Cultura da Deputación de Lugo achega 35.000 euros para a organización da mostra, que conta tamén coa colaboración da área de Cultura do Concello de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galiza.