InicioSociedadeUn Día do Libro amargo, tamén en Lugo: "Esta data era unha...

Un Día do Libro amargo, tamén en Lugo: “Esta data era unha festa, a libraría estaba chea…”

"Era raro facturar menos de 3.000 euros. Hoxe faremos uns 300", lamentan na Biblos, onde manteñen a súa venda en liña. Na Libraría Trama tamén envían pedidos, pero "botas de menos cousas; non ten nada que ver co doutros anos". Confían na súa clientela fixa —"dinnos que estarán aí"— e agardan políticas que axuden o sector e o comercio local. "E que esta ansia pola cultura siga fluíndo despois disto".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Chamamos á Libraría Trama e pillámolos cun pouco de apuro. “Estamos preparando paquetes. Hoxe é distinto, é un dos poucos días con máis movemento”. Volvemos probar de alí a un pouquiño e colle o teléfono Carlos Coira. “Como se vai levando este Día do Libro tan atípico?”, preguntamos. “Con moita paciencia”, ri el ao outro lado, “isto é un pouco estraño”.

Entre desculpas por non poder atendernos antes, explica que andan co bulicio do transporte e os envíos. Na Trama, en Lugo, manteñen a venda en liña. “Normalmente esta data era unha festa, a libraría estaba chea… Este ano non ten nada que ver. Botas de menos cousas”. A Coira acórdanselle as galletas que adoitaban agasallar no Día do Libro. “Ostras!, este ano nin as tivemos que encargar, claro…”

“Un día coma hoxe era raro facturar menos de 3.000 euros. Hoxe teremos uns 300”

A Libraría Biblos, no lado oposto da Muralla, tamén continúa cos envíos a domicilio. “Notamos que os pedidos aumentaron algo dende o inicio do confinamento e iso é algo que permite respirar nesta época horrible”, comenta Julián García, quen, non obstante, lamenta a importantísima caída da facturación. “Un día coma hoxe era raro baixar dos 3.000 euros facturados. Algún ano incluso faciamos máis. Hoxe, ao final do día, atoparemos uns 300 euros”.

AS LIBRARÍAS DE BARRIO, AS MÁIS PREXUDICADAS

O peche dos locais vén acompañado da paralización do sector enteiro, que decidiu trasladar a celebración ao vindeiro 23 de xullo. En condicións normais, as novidades editoriais comezaban a amorearse de marzo en diante. Desta volta, os lanzamentos de libros foron escasos.

Este vaivén, coma case todos, golpea máis forte as pequenas librarías e increméntanse as desigualdades respecto das grandes plataformas de venda, como Amazon. “Non cabe dúbida diso”, afirma Julián García, da Biblos. “Eles xogan nunha división superior. Por non falar dos puntos de venda de libros en supermercados ou grandes superficies comerciais…”

Libraría Biblos, na rúa Salvador de Madariaga (Lugo) | Biblos

Daquela, faise evidente a necesidade dun apoio explícito ao sector, especialmente aos comercios cativos. A ollos de Coira sería importante, por exemplo, garantir o prezo fixo nos libros “para evitar grandes descontos nese tipo de plataformas que acaban por matar os pequenos”. Haberá que sentar e pensar con calma as propostas, di.

O que xa ten claro Julián García é a insuficiencia das axudas que se están tramitando para pemes e autónomos, algo que tamén afecta a moitos libreiros e libreiras. “As moratorias no pago dos impostos son pan para hoxe e fame para mañá. Pagar vou ter que pagar igual, pero como pago se non abro a caixa rexistradora? Sería mellor conxelar e exonerarnos deses pagamentos”, suxire.

“que esta ansia pola cultura siga fluíndo cando isto pase”

VOLTAR CON GANAS AO COMERCIO LOCAL

Na mente de todas está, iso si, a necesaria aposta polos negocios de proximidade. “A xente xa está facendo un grande esforzo agora”, sosteñen dende a Trama. “Hoxe mesmo chamounos un cliente habitual. Sempre lle gustou vir neste día e, como non puido ser, pediunos que lle mandásemos un vale por WhatsApp para trocalo na tenda despois disto”.

Carlos Coira cóntao agradecido. Nota o apoio dos clientes fixos, de quen lles chegan mensaxes de ánimo. “Dinnos: ‘temos ganas de volver’ ou ‘seguro que imos estar!'”. É o que ten ser unha libraría de barrio. “Eu creo que o somos, non?”

De cara a un futuro próximo, e aínda así incerto, a confianza está posta na resposta da veciñanza. “Que non teñan medo e que sigan valorando o trato máis familiar”, piden na Biblos. Saben que a recuperación será moi lenta, porque “perdemos aquilo que nos daba a vida”, como di Carlos Coira, e iso non é doado de mastigar. Malia todo, gustaríalle que aprendésemos algo desta experiencia. Gustaríalle, tamén, que esta “ansia pola cultura” —coas redes sociais fervendo con recomendacións de series, libros, películas…— “siga fluíndo cando todo isto pase”.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...