InicioCulturaA lucense María Xesús Lama descobre "dous escritos perdidos" de Rosalía de...

A lucense María Xesús Lama descobre “dous escritos perdidos” de Rosalía de Castro

A profesora atribúe á poetisa e novelista galega dous artigos xornalísticos asinados como R.C. e publicados en 1870 en ‘La Ilustración de Madrid’, revista liberal dirixida por Gustavo Adolfo Bécquer.

PUBLICADA O

- Advertisement -

REPORTAXE COMPLETA EN GALICIA CONFIDENCIAL

Na bibliografía de Rosalía de Castro pódense incluír dous novos textos, publicados en 1870 na revista La Ilustración de Madrid, dirixida por Gustavo Adolfo Bécquer. Trátase de ‘El lago de los patinadores en El Buen Retiro, hoy Parque de Madrid’ e ‘Don Juan Valera y Alcalá Galiano’, dous artigos que a poetisa e novelista galega asinou coas súas iniciais R.C. e cuxa autoría non fora identificada até agora.

Quen revela por primeira vez a identidade de quen escribiu aqueles artigos xornalísticos é a filóloga galega María Xesús Lama (Guntín, 1964), experta rosaliana, Premio Nacional de Ensaio 2018 por Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863).

Lama, investigadora do Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat (ADHUC) da Universitat de Barcelona e profesora de Estudis Gallecs i Portuguesos nesta universidade, atribúe a Rosalía a autoría destes dous artigos baseándose nas “reiteradas referencias que se encontran na bibliografía rosaliana a unha suposta colaboración da escritora galega nun xornal dirixido por Gustavo Adolfo Bécquer arredor de fins de 1869 ou 1870, un dato que acreditaría a relación persoal entre ambos escritores, ou polo menos un coñecemento directo”.

O poeta e narrador sevillano está considerado, xunto con Rosalía, o máximo expoñente do posromanticismo e ambos gañaron o recoñecemento de precursores da poesía moderna en España.

La Ilustración de Madrid foi unha revista editada entre 1870-1871 na que se conxugaba información política e cultural centrada na capital de España, feita por literatos e artistas, converténdose en expoñente do xornalismo gráfico en España. A publicación estaba ligada ao xornal El Imparcial, de ideoloxía liberal, editado en Madrid entre 1867 e 1933, e que se erixiu nun dos diarios más influentes en España a finais do século XIX e principios do XX, creado e impulsado polo galego Eduardo Gasset y Artime (12 de xuño de 1832 – Madrid, 20 de maio de 1884), avó do  filósofo José Ortega y Gasset e protector de Valle-Inclán.

Conta Jesús Rubio Jiménez, catedrático don Departamento de Filología Española da Universidad de Zaragoza, en La ilustración de Madrid (1870-1871). Revista de transición del romanticismo al realismo, que as funcións en La Ilustración de Madrid estaban “ben diferenzadas desde o comezo”: Eduardo Gasset y Artime como director xeral; Gustavo Adolfo Bécquer, director literario, secundado por Isidoro Fernández Flórez como redactor principal, e José Vallejo Galeazo, director artístico, secundado por Valeriano Bécquer –irmán de Gustavo Adolfo– como debuxante e Bernardo Rico como gravador.

Malia a súa curta existencia, La Ilustración de Madrid está considerada unha das publicacións periódicas fundamentais para o estudo da transición do romanticismo ao realismo. Nela –sabemos agora por María Xesús Lama– colaborou Rosalía de Castro como xornalista.

Lama recupera daquela revista dous textos que aparecen asinados coas iniciais R.C. en dous números de 1870 que atribúe á autora galega. “Trátase de dous textos de carácter xornalístico que responden aos requirimentos das colaboracións habituais con que os profesionais da pluma participaban a miúdo na prensa da época, fornecendo contidos de carácter informativo ou cultural para conseguir ingresos máis ou menos inmediatos”, detalla a filóloga.

Na súa identificación é clave o testemuño dunha das fillas de Rosalía, Alejandra Murguía Castro, recuperado das lembranzas do escritor coruñés Carlos Martínez-Barbeito y Morás nun artigo publicado en La Noche en 1949, escrito a partir das conversas que mantivera con Alejandra en 1933.

“O relato de Martínez Barbeito sitúa sen dúbida as relacións dos dous escritores [Rosalía de Castro e Gustavo Afdolfo Bécquer] no ano 1870 co título contundente: «Ella necesitaba el dinero y él acababa de morir», pois, como é sabido, Bécquer faleceu o 22 de decembro daquel ano”, introduce Lama na súa argumentación.

Dos datos que facilitou a filla de Rosalía a Barbeito, hai referencias “bastante fiables” sobre a estada en Madrid da familia Murguía-Castro cando Alejandra tiña once anos, estando o seu pai, Manuel Murguía, destinado como arquiveiro en Simancas e os meses seguintes a ser destituído daquel posto. “Se facemos caso do que contaba Alejandra, segundo a lembranza do xornalista, o trato dos Murguía cos irmáns Bécquer era asiduo e facían proxectos en común xunto cun grupo de amigos, a maioría da súa xeración con renome no mundo xornalístico”, salienta Lama.

Naquel artigo de Barbeito dicíase:

A Gustavo Adolfo sólo le vió Rosalía una vez, a pesar de vivir ambos en la misma calle de Claudio Coello, el poeta de las Rimas en el número 7, piso bajo, y la autora de Follas Novas en el 13, piso tercero. Rosalía envió un artículo a La Ilustración Española. Necesitaba que se lo pagasen porque llegaban las navidades y su importe vendría muy bien para celebrarlas. Alejandra fue a cobrarlo a casa de Bécquer y se encontró al poeta lleno de frío, envuelto en mantas y muy enfermo. «No he recibido aún el dinero –le dijo Bécquer–, ya se lo mandaré cuando lo tenga». Al cabo de unos días Rosalía envió de nuevo a Alejandra y esta regresó otra vez con las manos vacías. El poeta acababa de morir.

Lama matiza que “citando de memoria polas súas lembranzas dunha conversa situada dezaseis anos atrás, Martínez Barbeito confunde o nome do xornal onde a escritora tería participado, que non pode ser outro que La Ilustración de Madrid, o que Bécquer dirixía naquel momento”.

Pero hai máis indicios que corroborarían a hipótese de Lama: “Sabemos que coa irmá de Eduardo, Eugenia Gasset, e co pai, o tenente don José Gasset Montaner, fixera Rosalía a súa primeira viaxe a Madrid en 1856. E tamén sería máis adiante nun xornal de Gasset y Artime, o mencionado El Imparcial, onde publicaría os seus artigos de Costumbres gallegas”, unha serie de dous artigos publicados o 8 de marzo e o 4 de abril de 1881 en El Imparcial.

“Parece evidente a familiaridade de Rosalía de Castro coa redacción e co propietario da revista, polo que resulta probable que contasen coa súa pluma, como escritora que xa tiña un prestixio, cunha serie de obras publicadas ao longo da década anterior, e que se encontraba naquelas datas residindo en Madrid. En busca do artigo que a autora podía ter pendente de cobro na data da morte do director encontramos dúas colaboracións dela e unha, máis próxima ás datas do Nadal, asinada por Murguía”, explica Lama.

REPORTAXE COMPLETA EN GALICIA CONFIDENCIAL

ÚLTIMAS

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...

Rexeitamento da Deputación de Lugo á instalación da planta Altri en Palas

A Deputación de Lugo manifestou a súa oposición á planta de Altri no municipio...