InicioCulturaCarmen Méndez, actriz: "Téñolle especial cariño á comarca dos Ancares e sempre...

Carmen Méndez, actriz: “Téñolle especial cariño á comarca dos Ancares e sempre defendo o Lugo interior”

Esta barallesa coida que en Galicia hai unha morea de talento audiovisual e unha onda de mulleres cómicas "moi potentes". Critica o "humor machista" da TVG e avoga por iniciativas que incrementen a oferta cultural fóra das cidades

PUBLICADA O

- Advertisement -

As paisaxes de Baralla están ben presentes na mente de Carmen Méndez (Neira de Rei, 1979), que reivindica con firmeza a comarca dos Ancares malia non vivir xa alí. Deuse a coñecer nas nosas pantallas grazas á serie Pazo de familia (TVG), coa cal estivo nomeada dúas veces aos Premios Mestre Mateo na categoría de Mellor Actriz de Reparto. Pero o de Carmen Méndez non queda aí: amais de facer series e filmes, é monologuista “en prácticas”, enxeñeira química e toca o violín. Ela é a muller coa que en Lugo Xornal abrimos unha nova serie de entrevistas a voces luguesas en feminino.

LUGO XORNAL: Estudaches Enxeñaría Química en Madrid, pero tamén te formaches en música e en interpretación. Cal era o plan A e cal o B?

CARMEN: Ai, amiga! [ri] Iso é difícil. A min xa me gustaba a interpretación dende o colexio. Logo non me formulei esa posibilidade por descoñecemento, porque non tiña tanto contacto coa cultura nin tanta información. Se cadra se vivira nunha cidade si, pero eu nacín nunha aldea moi pequena. Entón, á hora de decidir, pensaba: “hai que estudar algo de proveito”, e decanteime pola Enxeñaría. Pero é certo que cando cheguei á aula de teatro en Madrid xa me dei conta de que iso era o que realmente me gustaba. Aínda así, rematei a carreira e exercín de enxeñeira para poder pagar as escolas de interpretación. Compaxinei ambas cousas durante anos, ata que decidín tirarme á piscina. De momento saíume ben!

LX: Dicías que, se cadra, o feito de vivir nunha aldea pequeniña influíu en non decantarte pola interpretación dende un primeiro momento. Fan falta máis actividades para achegar a cultura ao rural?

C: Oxalá houbera máis iniciativas! Nas cidades hai máis opcións: concertos, teatro, espectáculos… Nos concellos pequenos, non tanto, aínda que depende un pouco de cada un. Se vives nunha aldea xa tes que desprazarte seguro. Ou te moves, ou non tes as mesmas oportunidades. Polo menos cando eu estaba alí! Agora pode que haxa un pouquiño máis de movemento.

“Gústame moito traballar aquí, na lingua que mamei”

LX: En relación a iso, Galicia (e máis concretamente Lugo) é un bo lugar para traballar no mundo audiovisual?

C: Galicia ten moitísimo talento a nivel audiovisual, tanto na parte técnica coma na artística. Hai unha canteira moi potente. Fixéronse series dende que se abriu a Televisión de Galicia; agora hai produtoras que xa non só quedan en Galicia, senón que tamén chegan a nivel nacional. E a min gústame moito traballar aquí, na lingua que mamei.

MULLERES CON TALENTO

LX: E para as mulleres? É o sector audiovisual un bo lugar para elas ou aínda se atopan trabas?

C: Evidentemente hai moitísimo traballo por facer nese ámbito. Cada vez hai máis voces que poñen sobre o papel a desigualdade que existe. E é real, non a inventamos! Aí están as estatísticas sobre o número de mulleres directoras ou sobre a súa presenza nos elencos. Ademais, normalmente as personaxes femininas aínda están vinculadas a un home, en vez de ser personaxes independentes. Poñer o foco sobre ese asunto xa é un paso para solucionalo. É un traballo de moito tempo, porque as cousas non se cambian dun día para outro, pero penso que xa está mudando. Hai compromiso e unión entre nós no sector.

‘Outras químicas’ é o monólogo de Carmen Méndez.

LX: Tes participado en filmes documentais como Pelerinaxes ou series como Pazo de familia e agora Auga Seca. Ademais de todo iso, tamén probaches co mundo do humor (Malo Será, Romanticómicas, o monólogo Outras químicas…). Como é iso?

C: É algo que nunca fixera, pero desfrútoo moitísimo! Estou descubrindo a miña pallasa interior e encántame o contacto co público. No monólogo -actúo o día 10 de xullo na Coruña, no espazo Mahou- é todo máis directo, é adrenalina pura. O feed-back é inmediato e continuo. É algo que está moi vivo e co que aprendo moito.

LX: E Carmen Méndez reivindícase como muller humorista?

C: Nunha conversa co actor Carlos Blanco, el díxome que tiña que dicir que son monologuista en prácticas [bota a rir]. Aquí hai moitos cómicos, pero tamén houbo mulleres. O que pasa é que os que son máis coñecidos son homes: Carlos Blanco, Touriñán, Oswaldo Digón… Isabel Risco ou Patricia Vázquez tamén fixeron monólogos. Agora mesmo hai unha onda de mulleres galegas moi potentes: Ángela Triana, Diana Sieiro, Adriana Pittaluga, Marga Lago, Isa Suárez, Ledicia Sola… Eles teñen máis repercusión, pero non considero que nós estiveramos invisibilizadas antes. Estamos empezando agora. Cando unhas comezan, igual tamén se animan outras.

“Na TVG hai un humor moi machista. Quizais é de maneira inconsciente, pero é machista”

LX: A TVG é criticada moitas veces por promover un humor de autoodio. Fan falta novas caras e novas ideas para cambiar esa percepción?

C: Hai moitísimos tipos de humor e non considero que haxa que categorizalo como humor intelixente ou non intelixente. É só cuestión de conectar. O que si que vexo é que na TVG hai un humor moi machista. Quizais é de maneira inconsciente, pero é machista. Non só na TVG, claro. Sexa polo que sexa, é o que máis se amosa, aínda que non é o único tipo de humor que hai en Galicia nin moito menos.

“SEMPRE DEFENDO MOITO O LUGO INTERIOR”

LX: Antes falabamos de Pelerinaxes, unha cinta documental que revive un camiño que fixeran Vicente Risco, Otero Pedrayo… a principios de século, dende Ourense ata San Andrés de Teixido. Tiveches que percorrer entón o interior lugués, pero ti xa o tiñas ben coñecido porque medraches aí. Cal é a túa relación con Baralla?

C: Vou cada pouco, porque miña nai e miña avoa aínda están alí. É onde nacín e onde me criei, e iso márcate. Neira de Rei é o lugar que me abraza. Eu téñolle especial cariño á comarca dos Ancares e sempre defendo moito o Lugo interior. Aínda así, teño que recoñecer que dende que está a autovía o lugar non parece o mesmo ca cando eu era pequena. A A-6 pasa moi preto da miña casa e escóitase moito o ruído dos coches, cando antes só se oían os paxariños. Aquel lugar dáme paz, pero iso estragáo un pouco, aínda que agora xa me acostumei. É unha mágoa que pase xusto por aí, no medio do val. Ademais, a nivel ambiental tamén foi un gran problema.

LX: Coido que ti es moi futboleira e moi do Celta. E o Lugo que?, como o viches este ano?

C: Si, si, son moi do Celta, aínda que teño que recoñecer que teño un pasado branco. Era do Madrid e do Celta. Pero xa non! No Derbi dos Artistiños son a capitá do equipo do Celta. E marco goles, eh! [ri] Pero tamén apoio o Lugo! Téñolle cariño e alégrome de que se manteña sen descender. O Dépor dáme un pouquiño igual, pero ao Lugo quero que lle vaia ben! [máis risas]

 

ÚLTIMAS

Chuvia, neve e temperaturas baixo cero na montaña de Lugo

Os termómetros volvéronse a esborrallar na madrugada deste martes ata valores negativos na maior parte...

Convenio entre Deputación e os 67 concellos da provincia para modernizar o padrón da man do INE

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes, no Pazo...

Morre nun parque de Lugo un home de 37 anos tras ser atopado semiiconsciente

Un home de 37 anos faleceu o sábado pola mañá en Lugo tras ser atopado...

A alcaldesa de Lugo agradece a inclusión do Museo da Romanización nos Orzamentos da Xunta

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mostrou a súa satisfacción pola inclusión dunha partida...