O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, avanzou este martes que o Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada comezará a funcionar a medidados de febreiro; é dicir, dentro dun mes. Fíxoo durante unha xornada de portas abertas na que se lle mostrou á veciñanza o interior das instalacións.
“Só quedan as valoracións finais dos solicitantes das prazas —40— para poder ver esta casa habitada por unha gran familia”, asegurou José Tomé. Na súa visita á residencia, estivo acompañado polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e mais polo alcalde da Fonsagrada, Carlos López. Así mesmo, tamén estiveron presentes outros rexedores da comarca, como o de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, o de Navia de Suarna, José Fernández e o de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña.
Nesta xornada de portas abertas, as veciñas e veciños da zona puideron coñecer o interior do centro, as súas dotacións e os servizos e actividades que se ofertarán. A residencia conta cunha superficie de 2.000 metros cadrados distribuídos en tres andares e un soto. Na planta baixa sitúanse os espazos comúns, como o comedor ou a sala de lectura e televisión, así como os servizos de enfermaría, cociña, lavandería, etc. Na planta superior están as 14 habitacións dobres con baños.
AXUDARÁ A FIXAR POBOACIÓN
“Ademais das instalacións, outro aspecto moi importante son as persoas que moverán o motor día a día para que todas as persoas que vivan aquí estean ben”, destacou Tomé, quen sinalou que “a maior parte da xente que se incorpora a traballar no centro é desta zona, un factor moi importante, non só porque os usuarios e usuarias probablemente os coñezan, senón porque favorece que a xente nova se quede a vivir no rural gracias a un emprego estable”.
José Tomé asegurou ademais que é “unha gran honra ter contribuído xunto co Concello da Fonsagrada a que se cumpra o soño de Manuel Rois de la Peña (médico benefactor desta terra moi apreciado polos fonsagradinos) de legar aos seus veciños e veciñas un lugar para o coidado e a atención das persoas maiores”.
O PP AGARDA QUE SEXA O “CAPÍTULO DEFINITIVO”
Pola súa parte, o grupo provincial do PP reaccionou a este anuncio de José Tomé. Os populares agardan que a Deputación cumpra coas previsións desta volta, pois a residencia da Fonsagrada “xa foi inaugurada en tres ocasións por tres presidentes”. Dende o primeiro acto xa pasaron catro anos, din, polo que “xa vai sendo hora” de que esa apertura sexa efectiva. Piden que este sexa o “capítulo definitivo” na previa da residencia porque, do contrario, “sería chamarnos parvos á cara”.
PARTIDA ORZAMENTARIA PARA AS RESIDENCIAS
Coa apertura do centro da Fonsagrada, amplíase a rede de protección social da Deputación, que xa ten en funcionamento as residencias de Pol, Trabada e Ribadeo. Nos orzamentos deste 2020, a institución destina nove millóns de euros aos centros de maiores, tanto aos que xa están en funcionamento, como á posta en marcha do da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita. Tamén avanzará no equipamento das residencias de Meira e Ribas de Sil.