Os Premios da Cultura Galega salientan neste 2018 a excelencia de tres persoas vencelladas á provincia. É o caso do catedrático de filoloxía romana Antón Santamarina, natural da Fonsagrada e recoñecido en Lingua, do intelectual Ramón Villares, nado en Xermade e premio en Proxección Exterior, e da artista Luz Darriba, notoria polo seu apoio ao recoñecemento da Muralla de Lugo coma Patrimonio da Humanidade, por Artes Plásticas.
Este certame valora a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección cultural de Galicia en oito eidos. Os Premios da Cultura Galega son convocados pola Xunta a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O xurado reuniuse este luns no Arquivo da Cidade da Cultura para distinguir a Xosé María Álvarez Cáccamo en Letras, o Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT en Artes Escénicas, á Roda en Música, o Festival de Cans na modalidade Audiovisual, e a O Sorriso de Daniel por Patrimonio Cultural, alén dos xa mencionados.
Do xurado formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas, a tesoureira da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre, a académica numeraria da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Asunta Rodríguez, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.
Participaron tamén da escolla os profesionais da cultura Xosé Manuel Aldea Moscoso, editor e xestor cultural, a directora de cine, guionista e produtora Zaza Ceballos, a escritora María Solar Núñez e a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truqe. Actuou como secretaria a xefa do servizo de Xestión Administrativa da Secretaría Xeral da Cultura, Marta Bardal Sanmiguel.
Antón Santamarina (A Fonsagrada, 1942) é lingüista, catedrático de filoloxía románica pola Universidade de Santiago e membro de número da Real Academia Galega. Secretario do departamento de Lingua Galega na Xunta preautonómica en 1979, onde iniciou a implantación do ensino do galego na EXB e o BUP, vén realizando un destacado labor de investigación en diferentes áreas da lingüística galega, entre as que destaca a lexicografía. Neste ámbito publicou o Dicionario de dicionarios e actualmente dirixe o Tesouro Informatizado da Lingua Galega. Ademais, está colaborando na redacción do dicionario académico. O Atlas Lingüístico Galego (1987-2003) ou o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa) son outros dos proxectos nos que tomou parte.
Ramón Villares (Xermade, 1951) é un dos historiadores e intelectuais máis relevantes da Galicia dos últimos lustros, e autor dunha extensa obra sobre historia agraria, cultural e política. Académico numerario da Real Academia Galega, presidiu o Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018, período en que a institución centrou unha parte importante do seu traballo no impulso da acción exterior. Destacan nesta liña proxectos vinculados coa posta en valor da memoria e dos legados dos emigrantes galegos, con iniciativas como Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia; ou coa recuperación da historia do asociacionismo galego na emigración, materializada na exposición Nós mesmos.
A creadora Luz Darriba (Montevideo, 1954) emigrou a Galicia en 1990. É autora de 40 macroaccións urbanas, entre as que destacan intervencións como Cumulum, coa que rodeou a muralla de Lugo con máis de medio millón de libros para favorecer a súa declaración como patrimonio da humanidade pola Unesco. A denuncia da discriminación e a violencia contra as mulleres é o eixo central da obra da artista, que ten realizado máis de 250 mostras colectivas en países como Arxentina, Uruguai, Brasil, Costa Rica, Francia, Luxemburgo, Alemaña, Xapón, Malaisia, Reino Unido, Estados Unidos ou Bélxica e máis de 50 exposicións individuais internacionais.