A Deputación Provincial de Lugo reafirma o seu compromiso coa apertura da residencia de maiores de Becerreá e manifesta, ao mesmo tempo, o seu respecto á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Non obstante, a institución provincial deixa claro que o fallo xudicial non introduce ningunha novidade sobre o traballo que xa viña desenvolvendo: todos os trámites administrativos, incluída a licitación do centro, estaban iniciados con anterioridade e continúan avanzando con rigor, responsabilidade e pleno respecto á legalidade vixente, acorde coa complexidade dun proxecto que será o maior da rede provincial e que require unha tramitación á altura da súa envergadura. Neste contexto, a Deputación considera necesario aclarar os seguintes puntos:
-
Todos os trámites, incluída a licitación, xa estaban en marcha antes da sentenza. A sentenza non descubre nada que non estivese xa facendo. O Pleno provincial aprobou en xullo de 2025 toda a documentación necesaria para licitar a xestión do centro: a memoria económica completa, o réxime xurídico do servizo e a forma de xestión mediante concesión de servizos públicos. O 26 de marzo de 2026, catro días antes do fallo xudicial, ditouse a Providencia de inicio do expediente de contratación, co número de rexistro 2026/CON_02/000026.
-
A Deputación non precisa unha sentenza que obrigue a abrir a residencia, porque a institución provincial leva anos traballando para iso, con documentación que evidencia os máis de 75 trámites realizados.
-
Un centro de 136 prazas require tempo e pasos en firme. O centro de Becerreá, con 96 prazas residenciais e 40 de centro de día, será o maior Centro de Atención a Maiores de toda a rede provincial, triplicando a capacidade dos centros existentes. Un centro desa envergadura non se pode xestionar como unha pequena residencia. Os estudos previos recomendaron tramitar unha concesión de servizos públicos con informes obrigatorios de organismos estatais e autonómicos. Son trámites que levan tempo, pero que non se poden saltar.
-
Unha pandemia e unha crise de materiais non son escusas: son feitos. A Deputación lembra a pandemia e o estado de alarma de 2020, que paralizaron toda a actividade construtiva do país, unha crise mundial de subministracións que entre 2021 e 2023 provocou unha parada de case seis meses por falta de materiais. Non son escusas, son feitos que afectaron a miles de obras en toda España e que están documentados. Unha situación que afectou a todas as administracións.
-
Uns prazos que están dentro da media provincial. A Deputación achegou ao procedemento xudicial datos de oito residencias provinciais nas que o tempo entre convenio e apertura oscilou entre oito e doce anos.
-
Compromiso inequívoco coa apertura. O compromiso da Deputación coas familias e coas persoas maiores é firme. A residencia de Becerreá vai abrirse, o expediente xa está en marcha e o traballo neste momento da Deputación pasa porque a licitación avance o máis rápido que a lei permite. O mellor exemplo disto aparece reflectido na propia memoria económica, xa que a pesar de non estar obrigados a facelo, a Deputación asume subvencionar entre 30 e 40 prazas a prezos similares ao do resto da nosa rede de residencias para os empadroados nese Concello.
