InicioAncaresInduráin, Sastre, Iván Raña ou Álvaro Pino subirán os picos dos Ancares...

Induráin, Sastre, Iván Raña ou Álvaro Pino subirán os picos dos Ancares canda outros 500 ciclistas

Na xornada previa realizarase unha proba de antíxenos a cada unha das persoas participantes. Haberá dous percorridos, un de 126 quilómetros e outro de 94.

PUBLICADA O

- Advertisement -

490 persoas inscríbíronse para participar na primeira edición da Ancares Cycling Marathon, que se celebrará o domingo 8 de agosto nas estradas da comarca. Á presenza de Miguel Induráin e Carlos Sastre, anunciada na presentación do evento, súmase a de ciclistas profesionais en activo, coma Delio Fernández e Iván Rabuñal, e referentes do deporte galego coma Álvaro Pino ou o triatleta Iván Raña.

A posibilidade de rodar a carón de ciclistas de renome e os recursos paisaxísticos e culturais dos Ancares, con “estradas que tocan o ceo”, son os grandes reclamos da proba cicloturista organizada polo Club Cidade de Lugo, e que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que pasará polos concellos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna.

TEST PREVIO

A Ancares Cycling Marathon desenvolverase atendendo a un protocolo específico de prevención contra a Covid 19, que inclúe a realización dun test de antíxenos previo a participación na proba.

O test realizarase na xornada previa, o sábado, na praza do mercado gandeiro de Pedrafita do Cebreiro. Os participantes chegarán en vehículo, onde se procederá ao
seu rexistro e farase a toma de mostras. Deberán permanecer dentro do vehículo, nun
aparcamento de espera, ata recibir o resultado negativo no seu teléfono.

Co resultado negativo, poderán dirixirse á oficina permanente para a recollida do
dorsal e a bolsa do corredor. No caso de que o resultado sexa positivo, o participante
debe poñerse en corentena e este feito será comunicado ás autoridades sanitarias.

O día do evento facilitarase a distribución de áreas para evitar aglomeracións e
limitar interaccións. Lémbrase a necesidade de manter a distancia de seguridade e
a hixiene frecuente de mans, para o que haberá dispensadores de xel hidroalcohólico. A máscara será de uso obrigatorio no recinto e ao comezo da carreira, durante a
saída neutralizada e durante os avituallamientos. Só poderá retirarse tras a saída
real e o participante volverá poñerlla tras cruzar a meta.

O 70 por cento das persoas inscritas son de Galicia, mais tamén se anotaron participantes de Asturias , Castela e León , Madrid, Cataluña ou Euskadi. O deputado de Deportes, Efrén Castro, subliñou “a boa acollida que tivo a proba entre os afeccionados ao ciclismo” e mostrouse convencido de que “se trata dunha oportunidade única para proxectar a comarca dos Ancares como destino para o turismo deportivo. A proba servirá para que as persoas que disfrutan do ciclismo veñan non só este domingo senon o resto do ano”.

DOUS PERCORRIDOS

O percorrido deseñado para o Ancares Cycling Marathon está pensado para persoas afeccionadas ao ciclismo con certo nivel de adestramento previo, con dous percorridos alternativos con distintos niveis de esixencia.

A proba raíña será de 126 quilómetros, con inicio en Pedrafita do Cebreiro. Os participantes transitarán polos concellos das Nogais e Becerreá, onde se iniciará a ascensión do Alto dos Sete Carballos, de 1.320 metros de altitude, o máis elevado do percorrido e, sen dúbida, o de máis dureza, cun desnivel que alcanza por momentos o 11%.

A continuación, os participantes enfrontaranse ao Alto da Pitinidoira (1.216 m) e, posteriormente, ao Alto de Villasol (1.176m.), situado a só 16 quilómetros do final da proba. Un último esforzo levará de novo ao pelotón cara arriba, ao Alto do Cebreiro, desde Barxamaior (1.302m.), onde o final está previsto nas propias rúas do Cebreiro.

As persoas que opten polo percorrido de medio fondo, de 94 quilómetros, ascenderán só os dous primeiros (Sete Carballos e A Pitinidoira) para, neste último e sen apenas baixada, dirixirse ade Pedrafita e acabar no Cebreiro pola súa vertente máis dócil.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...