As cifras de contaxios e infeccións activas de covid-19 en Galicia baten marcas por terceiro día consecutivo. Así, nas últimas 24 horas, Galicia rexistrou 5.718 contaxios, mentres que a cifra de casos activos escala ata os 36.909. Unha cifra que o Sergas xa sabía e que Feijóo xa adiantou hai case un día. A presión hospitalaria tamén se incrementa lixeiramente, con 321 hospitalizados por coronavirus (oito máis). A taxa de positividade por PCR volve a repuntar e alcanza o 23,52%.
No que respecta ás novas infeccións, segundo os datos publicados este xoves pola Consellería de Sanidade –recolleitos ata as 18,00 do mércores–, a cifra de 5.718 implica bater a anterior marca de 4.559 casos deste mesmo mércores, 29 de decembro. De todos os positivos notificados na última xornada, a de Lugo rexistra unha marca histórica ao duplicar case os casos do día anterior, con 619 novos contaxiados. Deste xeito ten, agora, 3.149 casos activos (551 máis que o día anterior).
SOBEN OS HOSPITALIZADOS
Se se observan as hospitalizacións, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabilizaba este mércores ás 18,00 horas, un total de 321 pacientes covid ingresados, oito máis que o día anterior. De todos eles, 271 están en planta (nove máis) e 50 en unidades de coidados intensivos (un menos).
A carga asistencial increméntase na área de Lugo, onde son 15 os hospitalizados en unidades convencionais (tres máis) e cinco en críticos (sen cambios).