Antas de Ulla congrega este sábado a 130 músicos no Festival da Amizade

Este sábado 1 de setembro, o certame folk reúne polos bares de Antas a integrantes do folk chegados de toda Galicia e Portugal

Presentación do Festival da Amizade de Antas nos xardíns da Deputación de Lugo
Presentación do Festival da Amizade de Antas nos xardíns da Deputación de Lugo

A sexta edición do Festival da Amizade Musical contará coa presenza de ata 130 músicos. Este sábado, primeiro de setembro, os bares de Antas de Ulla resoarán a folk con intérpretes chegados de toda Galicia e dende o norte de Portugal.

Nesta ocasión, o certame comezará ás 17.00 horas na Praza Nova coa actuación da agrupación lusa Danças e Cantares de Modivas, vindos de Vila do Conde, e a Asociación Cultural Fiadeira.

A continuación, o folclore percorrerá os bares de Antas, cos Cantos de Taberna. A partir das 19.00 horas, Argalleiros de Santiago, Falcatrueiros, A Corte do Granizo e Os Afogapalletas defenderán a súa arte nos Val, Praza, Ulloa, Farelo, Caryma e As Canteiras, que ademais acolle a comida de confraternidade.

Precisamente, As Canteiras será escenario, pasadas as 23.00 horas, para Odakio e Vanesa Muela, e A Murga das Cántigas. Estas actuacións son parte do programa Musiqueando da Deputación de Lugo, que achega 2.500 euros e a cartelería para o Festival da Amizade de Antas.

Esta programación está enmarcada no Plan Estratéxico de Turismo, promovido polo goberno provincial para colaborar cos eventos dos diferentes concellos. Neste caso, o apoio da Deputación engádese ao da Asociación Fiadeira, encargada de organizar este irmandamento musical do folclore galaicoportugués, xa asentado na vila da Ulloa.

 

ODAIKO, un proxecto galego innovador

Vanesa Muela é unha cantante e percusionista valisoletana, todo un referente na recuperación, estudo e interpretación das tradicións ibéricas tanto nos seus proxectos en solitario ou en colaboración con grupos como Hexacorde cos que gravou dous discos, Bisiestos e Agárraos. Ela mesturará en Antas a súa tradición coa innovación do cuarteto de percusión galego Odaiko, que conta con Fran Troncoso, Antonio Ocampo, Félix Rodríguez e Juan Collaz, e desenvolveu o seu traballo explorando a tradición musical desde o punto de vista da percusión multiétnica.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here