A Asemblea de Lugonovo vén de elixir, na noite deste martes, ás persoas que conformarán a lista electoral con que a plataforma cidadá concorrerá ás vindeiras eleccións municipais. Foron arredor de corenta persoas inscritas as que avalaron a proposta achegada pola Coordinadora.
“Trátase dunha mostra representativa da veciñanza que someteremos ao escrutinio de toda a cidadanía” indicou Xosé Choren Vázquez, candidato á alcaldía de Lugo, para quen “esta lista representa o espírito emprendedor, dinámico, social e ambientalmente comprometido e profundamente democratizador co que Lugonovo quere acudir á cita coas urnas en maio”.
“Esta lista quere ofrecer a Lugo un modelo democrático representativo pero tamén participativo” salientou o candidato. “Reflicte a pluralidade da sociedade luguesa e pode exercer como un vínculo entre cidadanía e representantes, entre o Concello e a cidade, que leva catro anos asistindo a un festival de desgoberno e desinterese” engadiu. Trátase de presentar “un equipo completamente distinto respecto aos partidos clásicos”.
LISTA PLURAL
No primeiro tramo da lista, alén de Xosé Chorén Vázquez, xefe de sección de Correos, atópanse Cristina Pérez Herraiz, portavoz municipal e actualmente encabezando a candidatura de En Marea ao Congreso dos Deputados por Lugo nas eleccións xerais; Paula González Fernández, economista; Carlos Baliñas Pérez, historiador e profesor da USC Campus Lugo; Teresa Burgo García, avogada laboralista en CCOO; Víctor Álvarez Arias, actualmente concelleiro e traballador na Xunta; Camino Casabella, profesora e licenciada en Belas Artes; Jesús Castro López, técnico de deportes da USC; Marta Salgado Castelo, técnica de actividade física e deportiva e estudante de INEF; e Uxío Outeiro, profesor de galego e portugués.
Nos seguintes postos da lista atópanse Xulia Mallo Vieiro, xubilada do Sergas; Marcos Fernández Trigo, portavoz do colectivo LGTBI ALAS de Lugo; Mina Galván González, activista e responsábel de Stop Desafiuzamentos Lugo; Xosé Manuel Saa, empresario propietario da Taberna do Saa; Samira Zahir Zouhai, ama de casa e veciña da Milagrosa; Óscar Pita Corbelle, técnico de mantemento na industria alimentaria; María Jesús Suazo, delegada da CIG no HULA, Xohán Rompe, activista social; María del Carmen Flores Ferreiro, traballadora social do Concello; Jordi Baldoví, funcionario do Estado; Sagrario Fernández Méndez, traballadora social do Sergas no HULA; Manuel Carballés, xubilado de Correos; Alejandra López Yáñez, auxiliar administrativa; Neves Núñez Delgado, empresaria e exconcelleira e Xosé Anxo Laxe Suárez, xubilado e exconcelleiro.