A Deputación de Lugo aprobou grazas aos votos do PSOE e abstención do PP unha modificación do orzamento do ente provincial para este ano por máis de 1,6 millóns de euros a través dun suplemento de crédito que se destinará a transferencias cos concellos e un plan de ‘Terras Abandonadas’ dotado con 100.000 euros.
Tanto o BNG como o deputado non adscrito e exvicepresidente provincial, Manuel Martínez, votaron en contra despois de non aceptarse as súas emendas. Sobre as votacións, Martínez cargouse de ironía e dixo que se debería “abrir expediente ao grupo provincial socialista por chegar a acordos co PP”, en alusión á situación vivida por el mesmo, que foi expulsado do PSOE tras votar en diferentes ocasións co grupo popular.
O presidente provincial, Darío Campos, indicou antes de entrar no pleno que o modificativo corresponde a “remanentes” por unha contía de 1,6 millóns de euros. Ademais, salientou os 100.000 euros destinados para o plan de terras, que está “a ser un éxito” e contribuíu a recuperar “case 2.000 hectáreas de terra” coa participación de “máis de 350 gandeiros”. “Queda un millón e medio de euros para actuacións en distintos concellos“, resaltou Campos.