A sinatura da declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desatou unha nova polémica entre o goberno e a oposición da Deputación de Lugo, pola presenza de José Tomé na Xunta de Voceiros convocada para abordar e asinar o documento. Os populares consideraron “unha tomadura de pelo” e “un insulto ás mulleres” que o expresidente provincial figurase na convocatoria e estivese sentado na mesa durante a reunión, “tendo en conta a investigación xudicial aberta contra el tras as denuncias de varias mulleres por presunto acoso sexual”.
Desde o PP cualificaron de “incoherente” que unha persoa investigada por uns feitos relacionados presuntamente co ofrecemento de postos de traballo a cambio de favores sexuais participase na sinatura dun documento institucional de condena da violencia machista. Por este motivo, os representantes populares negáronse inicialmente a entrar na sala e a participar na sinatura mentres Tomé permanecese nela.
Finalmente, os populares accederon a participar unha vez que Tomé abandonou a sala e asinouse o documento. Pola súa banda, o Executivo provincial nega que a presenza de Tomé na convocatoria respondese a unha decisión política e atribúe o sucedido a un fallo administrativo na elaboración da comunicación da reunión. Aclararon tamén que a súa inclusión na convocatoria respondeu a un “erro administrativo”, xa que non forma parte da Xunta de Voceiros. Segundo explicaron, este erro xa lle foi aclarado nese mesmo momento a Antonio Ameijide.
O portavoz provincial acusou tamén o PSOE e o BNG de intentar favorecer unha operación de rehabilitación política da imaxe de Tomé e criticou que, ao seu xuízo, se estea intentando normalizar a súa presenza na actividade política provincial mentres continúa aberta a investigación xudicial. Puxo como exemplo o seu nomeamento á fronte do Eixo Atlántico ou a súa presenza nos actos electorais xunto ao PSOE.
