O Grupo Municipal Socialista esixe ao Goberno de Elena Candia que manteña o proxecto integral da Cidade do Deporte de San Fiz, impulsado polo anterior Goberno municipal, e que non renuncie á construción do pavillón polideportivo previsto nesta actuación. Os socialistas advirten de que as intervencións anunciadas polo actual Executivo, centradas no fútbol e no rugby, non poden substituír unha infraestrutura concibida para ampliar de maneira significativa as instalacións deportivas da cidade e atender as necesidades das distintas disciplinas.
“Lugo non pode conformarse cunha Cidade do Deporte de mínimos. Os clubs necesitan máis instalacións e espazos para adestrar e competir. Non podemos renunciar a un proxecto pensado para dar resposta ao deporte lucense durante as próximas décadas”, sinala o concelleiro socialista Jorge Bustos, quen lembra que a planificación promovida polo anterior Goberno respondía a unha demanda real das entidades deportivas e pretendía ofrecer unha solución de futuro á falta de espazos.
A iniciativa socialista parte da necesidade de preservar a dimensión do proxecto presentado en xaneiro de 2026, resultado de máis de dous anos de traballo e de contactos co tecido deportivo lucense. A actuación estaba concibida como o complexo deportivo máis importante promovido na cidade no século XXI, cunha planificación que combinaba novas instalacións cubertas con espazos destinados ao fútbol e ao rugby.
Entre os seus principais equipamentos destacaba un pavillón polideportivo con tres pistas independentes, que permitiría desenvolver simultaneamente adestramentos e competicións de diferentes disciplinas. O complexo contemplaba tamén unha sala de musculación de preto de 200 metros cadrados, espazos polivalentes e servizos complementarios, ademais dos campos de fútbol e rugby.
Para os socialistas, o pavillón constitúe unha peza irrenunciable do proxecto pola súa capacidade para aliviar as dificultades que afrontan numerosos clubs e escolas deportivas á hora de acceder a instalacións e dispoñer de horarios suficientes.
Bustos lembra que o crecemento do deporte de base require incrementar a oferta de instalacións cubertas, especialmente para disciplinas que dependen deste tipo de equipamentos durante todo o ano. Unha maior dispoñibilidade de espazos permitiría organizar mellor os adestramentos, facilitar as competicións e favorecer a conciliación das familias que acompañan aos nenos e nenas nas súas actividades deportivas.
Un proxecto integral fronte ás actuacións parciais
O Grupo Municipal Socialista considera positivas as melloras que se poidan desenvolver para o fútbol e o rugby, pero insiste en que non poden executarse á custo de abandonar o resto das instalacións previstas. Neste sentido, lembra que o Goberno de Candia anunciou actuacións en San Fiz centradas nestas dúas disciplinas, sen concretar a continuidade do pavillón polideportivo.
“O fútbol e o rugby necesitan mellores instalacións, por suposto, pero tamén o baloncesto, o voleibol, o balonmán o fútbol sala e o resto de deportes de pista. Non se trata de escoller unhas disciplinas fronte a outras, senón de aproveitar esta oportunidade para dar resposta ao conxunto do deporte lucense”, explica Bustos.
Os socialistas recordan, ademais, que o anterior Goberno deixara avanzado o traballo técnico necesario para continuar coa tramitación do complexo, incluída a preparación dos pregos para a contratación da redacción do proxecto. Por iso, reclaman ao Executivo municipal que aproveite esa planificación e impulse os seguintes pasos administrativos e orzamentarios, en lugar de reducir o alcance dunha actuación estratéxica para Lugo.
Compromiso co futuro do deporte lucense
Con este obxectivo, o Grupo Municipal Socialista defenderá no próximo Pleno unha proposición para instar ao Goberno local a dar continuidade á Cidade do Deporte de San Fiz e garantir expresamente que o pavillón polideportivo se manteña como un elemento esencial da actuación.
A iniciativa busca asegurar unha planificación deportiva que non se limite a resolver necesidades inmediatas, senón que teña en conta o crecemento das escolas e dos clubs, a distribución dos equipamentos e a incorporación de novos deportistas. Bustos insiste en que as infraestruturas deportivas tamén cumpren unha función educativa e social, especialmente entre a infancia e a mocidade, e que a falta de instalacións suficientes non pode converterse nun obstáculo para a práctica deportiva.
“Falamos de crear oportunidades para que máis nenos e nenas poidan practicar deporte, de facilitar o traballo dos clubs e de mellorar a calidade de vida da cidadanía. Temos un proxecto ambicioso para San Fiz e o que lle pedimos a Candia é que non renuncie a el”, conclúe o concelleiro socialista.