Home Cultura O Circuito de Teatro Afeccionado realizará representacións en sete concellos entre o 16 e 18 de outubro

O Circuito de Teatro Afeccionado realizará representacións en sete concellos entre o 16 e 18 de outubro

0
O Circuito de Teatro Afeccionado realizará representacións en sete concellos entre o 16 e 18 de outubro

A Vicepresidencia da Deputación fomenta a inclusión de teatro amador dentro das axendas culturais de Ribadeo, Cervo, Begonte, Taboada, Foz, Ribas de Sil e A Pontenova, durante a terceira semana de outubro.

Desequilibrados – Grupo Humorístico Trípode
Venres 16 de outubro | 20 horas | Auditorio Municipal Hernán Naval (Ribadeo)
Tipo de público: Todos os públicos
Sinopse:
O Carballal é unha aldea onde vive moi pouca xente. Todos os seus habitantes son moi particulares, un pouco “á súa maneira”, mais na súa rareza hai tamén liberdade e felicidade. Desde moi lonxe, desde o espazo exterior, chega unha nave interplanetaria con tripulantes dispostos a recuperar no Carballal o equilibrio perdido e devolver o universo á homoxeneización. Os extraterrestres, encabezados por Andrómedo 13.027, queren que todos os habitantes do Carballal sexan iguais e que abandonen as súas excentricidades e as súas pequenas tolemias. O que non saben os extraterrestres igualadores é que a rebeldía e a diferenza teñen moito poder,
pois igualan á maioría dos veciños, aínda que sempre queda unha pegada de
tolemia que axuda a recuperar a liberdade.

A Historia dun Fidalgo para Sempre Lembrar – A Mariña
Sábado 17 de outubro | 19 horas | Salón de Plenos da Casa do Concello (Cervo)
Tipo de público: Todos os públicos
Sinopse:
Esta é unha versión moi especial das andanzas dun fidalgo que vivía nun lugar da Mancha do que non me quero lembrar. Esta traxicomedia cóntanos o momento no que Alonso, un fidalgo á vella usanza, se convirte en Don Quixote e sae a vivir aventuras acompañado de Sancha Panza, unha
escudeira que intenta que non se desvíe moito da realidade, dando lugar á parte cómica desta aventura. A parte máis tráxica é precisamente cando Don Quixote volve ser Alonso e se volve plenamente consciente da súa realidade.

Vaia co Pronóstico – Aturuxeiros de Bravos
Sábado 17 de outubro | 19 horas | Casa da Cultura (Begonte)
Tipo de Público: Todos os Públicos
Sinopse:
Antón esta no hospital moi grave tras un accidente, avisan á familia pero ao chegar descubren que nada é o que parece.

Vermello – Rebuldeira Teatro
Sábado 17 de outubro | 19 horas | Salón de Actos da Antiga Casa Cuartel (Taboada)
Tipo de público: maiores de 16 anos
Sinopse:
A cantidade de cor vermella que podemos ver nunha guerra marca o futuro das seguintes xeracións. O tempo, ás veces, é cíclico e todo o malo pode voltar. Temos medo. As vidas de Manuel Díaz, o médico dos pobres, Rafael de Vega, Franco, e de xente coma nós, que non podia expresar libremente o seu amor por medo a ser perseguidos, mestúranse coa historia ficcional de Rebuldeira Teatro na Guerra Civil.

A Herencia de Xoana – A Caxiga
Sábado 17 de outubro | 19 horas | Salón de Actos da Asc. Cultural O Castro de Vilaronte (Foz)
Tipo de público: Adulto
Sinopse:
Ao parecer, Xoana rematou os seus días nunha residencia por non ter ninguén que a puidese coidar. Os seus achegados estiveron máis preocupados pola herencia que pola situación da muller, aínda que houbo de todo nesta familia. O seu fillo e a súa neta son agora os máis apoucados pola súa recente perda. Mais Xoana deixou preparado un testamento sorpresa para que non se esquezan dela tan axiña.

Trato a Cegas – Pico do Castro
Sábado 17 de outubro | 19 horas | Escola de Torbeo (Ribas de Sil)
Tipo de público: Maiores de 14 anos
Sinopse:
O tío Prudencio e máis Freitoso son dous cegos, con perdón do tópico, con moita vista en máis dun sentido. Dedícanse a percorrer vilas e aldeas tratando de gañar un anaco de pan para comer. Levan unha vida dura, mais seguramente moito máis honrosa que a que desenvolven outros que gozan de mellor prestixio. Tras reencontrarse, ambos personaxes comparten anécdotas da súa traxectoria vital, que moven a rir mais tamén denotan unhas condicións de vida ben sacrificadas. Ainda que pasaron os anos, o mundo cambiou bastante pouco. Todo cambiou… mais non cambiou nada

Dona Clara – Colectivo Cultural Ollomao
Domingo 18 de outubro | 19 horas | Casa da Cultura (A Pontenova)
Tipo de público: Adulto
Sinopse:
Esta obra trata do regreso da multimillonaria Clara Zahanassian á vila da súa infancia, na que os seus veciños viven pobremente e están endebedados, a diferenza das vilas da contorna que si progresaron. Clara parece mostrarse xenerosa e ofrece mil millóns ao seu pobo natal para que solucione os seus problemas, pero cunha condición difícil de cumprir. Clara Zahanassian (o apelido é una combinación de Zacharoff, Onassis e Gulbenkian) non representa a xustiza, nin o plan Marshall, nin menos aínda a apocalipse. Tan só se trata da muller máis rica do mundo que, grazas á súa fortuna, está en condicións de actuar de forma cruel, como unha heroína de traxedia grega, como Medea, por exemplo. Esta é unha obra perversa na que a maldade xorde por todas partes. A tentación é demasiado grande e a pobreza demasiado extrema. Clara, que fuxiu como unha nai solteira, menosprezada e arruinada, regresa sendo unha das mulleres máis ricas do mundo. E a súa sede de vinganza é inquebrantable, como expresa por medio das súas propias palabras: “O mundo converteume nunha puta e agora eu convertirei ao mundo nun bordel”.

O Randiña vai ao Médico – O Torques
Domingo 18 de outubro | 20 horas | Auditorio Municipal Hernán Naval (Ribadeo)
Xénero: Comedia | Público: Maiores de 14 anos
Sinopse: O Randiña vai á consulta médica despois de estar moito tempo en lista de
agarda. Xa no centro médico, mentres espera ser atendido, conta as súas peripecias e as dos seus veciños naquelas ocasións nas que tiveron que acudir ao hospital. Finalmente marcha sen ser atendido. Máis tarde, acude de novo e desta volta é atendido polo doutor Romerales, que lle dá os resultados das probas e as pautas que terá que seguir para levar unha vida mellor.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here