InicioPolíticaO PSOE esixe a Candia que acelere e execute o aparcadoiro de...

O PSOE esixe a Candia que acelere e execute o aparcadoiro de camións das Gándaras

O concelleiro socialista Jorge Bustos considera necesario poñer fin á demora e dar unha solución definitiva a unha infraestrutura que debe contribuír a mellorar as condicións de actividade dos polígonos industriais lucenses

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Grupo Municipal Socialista esixe ao Goberno de Elena Candia que acelere a execución e posta en funcionamento do aparcadoiro para vehículos pesados nas Gándaras, unha infraestrutura que responde a unha demanda histórica do sector do transporte e do tecido empresarial de O Ceao-As Gándaras.

O concelleiro socialista Jorge Bustos considera necesario poñer fin á demora e dar unha solución definitiva a unha infraestrutura que debe contribuír a mellorar as condicións de actividade dos polígonos industriais lucenses. “Non estamos falando dun capricho nin dunha actuación secundaria. Estamos falando dunha necesidade trasladada polo sector e dunha infraestrutura que pode marcar a diferenza na competitividade das nosas áreas industriais”, sinala.

Bustos lembra que o anterior Goberno municipal traballou directamente coas asociacións de transportistas e empresarios para facer posible a creación dun aparcadoiro acoutado e vixiado para camións no entorno das Gándaras. En novembro de 2024, o Concello xa anunciaba que avanzaba na colaboración cos colectivos para habilitar esta instalación en terreos municipais, dentro dun paquete de medidas destinado a reforzar a competitividade dos polígonos.

Posteriormente, en abril de 2026, o Concello anunciou a licitación da concesión dun espazo de 44.369 metros cadrados destinado ao estacionamento de vehículos pesados, cun prazo máximo de 18 meses para a súa posta en funcionamento desde a formalización do contrato. A actuación prevé ademais que a infraestrutura sexa executada integramente pola empresa concesionaria, sen investimento municipal directo.

Para o edil socialista, o que corresponde agora é garantir que todos os trámites se completen e que o aparcadoiro se converta canto antes nunha infraestrutura real e operativa, evitando novos atrasos. “O sector non necesita máis anuncios nin reunións. Necesita saber cando vai poder utilizar o aparcadoiro e contar cun servizo que é fundamental para a actividade diaria das empresas e dos transportistas”, afirma.

Bustos subliña que O Ceao-As Gándaras constitúe unha das principais áreas de actividade económica de Lugo e que a súa competitividade depende tamén de dispoñer de servizos e infraestruturas adecuadas. A propia planificación municipal vinculou esta actuación á necesidade de mellorar as condicións de actividade e modernización dos polígonos industriais.

“Se queremos que os nosos polígonos compitan en igualdade de condicións con outras zonas industriais do eixo da A-6, temos que ofrecer tamén as mesmas facilidades e servizos. Non podemos pedir ás empresas que invistan, medren e creen emprego e despois non ser capaces de resolver infraestruturas básicas que levan anos reclamando”, denuncia Bustos.

O socialista considera ademais que o aparcadoiro debe entenderse dentro dunha estratexia máis ampla de mellora das áreas industriais, na que tamén deben avanzar cuestións como os accesos, a mobilidade, a seguridade, o saneamento e a conexión coa A-6. Precisamente, o anterior Goberno municipal xa reclamaba a creación dunha conexión directa coa saída da A-6 na Campiña para mellorar os accesos ao polígono das Gándaras.

“Lugo non pode quedar atrás. Temos empresas, temos actividade económica e temos unha localización estratéxica, pero necesitamos que as administracións estean á altura das necesidades do noso tecido produtivo”, afirma Jorge Bustos.

Finalmente, o Grupo Municipal Socialista reclama ao Goberno de Candia que poña unha data clara para a posta en funcionamento do aparcadoiro e informe con transparencia sobre o estado actual da súa tramitación, así como sobre os pasos que faltan para que os transportistas e as empresas poidan dispoñer da instalación. “Esta é unha demanda do sector, unha necesidade dos nosos polígonos e unha oportunidade para mellorar a competitividade de Lugo. O que toca agora é executar, non seguir demorando”, conclúe Bustos.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo aproba o maior orzamento da súa historia: 155,2 millóns de euros para 2027 co voto en contra do PP

A Deputación de Lugo contará en 2027 co maior orzamento da súa historia, cun...

A Fiscalía de Lugo toma cartas no asunto tras as ameazas de bomba en decenas de centros educativos

A Fiscalía Provincial de Lugo abriu de oficio dilixencias de investigación para esclarecer a...

Lugo estrea por fin a súa nova estación intermodal: 49 millóns de investimento e unha reivindicación pendente

Lugo dá un paso importante na modernización das súas infraestruturas de transporte coa entrada...

Feridas dúas persoas nunha colisión entre dous vehículos no Corgo

Os condutores de dous vehículos implicados nunha colisión na estrada N-V, ao seu paso...